O Santo Domingo cae en Lugo ante o filial do Breogán

Un encontro do Santo Domingo no pavillón municipal

Nun partido igualado, que se decidiu pola mínima, o Santo Domingo caeu por 78-76 no lucense Pazo dos Deportes ante o Estudiantes de Lugo, filial do Breogán CB.

Empezaron os visitantes moi metidos no partido, con bo ritmo e agresividade defensiva que permitiu endosar un parcial 0-10 que é cortado por tempo morto de Gustavo Soares. A colectividade, a boa toma de decisións e actividade dos betanceiros, producen un gran número de finalizacións sen apenas oposición e permítenlles levar as rendas do primeiro cuarto bastante cómodos, con 16-22 ao final deste.

Durante o segundo parcial os ataques superan constantemente ás defensas, e o Santo Domingo empeza a facer a goma no marcador, conseguindo vantaxes e 10 puntos que Estudiantes recortaba aproveitando despistes individuais do equipo betanceiro. Os visitantes non aproveitan a oportunidade e o partido vaise ao descanso 42-48.

E desde a volta de vestikarios o ritmo do partido xa é constantemente dos lucenses. Apertando desde campo ofensivo conseguen a precipitación visitante, o partido vólvese un corre rúas e aí os estudiantís foron superiores, administrando esforzos e dando descanso aos xogadores máis desequilibrantes. Porén, os betanceiros seguían arriba no marcador 61-63.

E último parcial onde os lucenses, facendo dano con Rivas no 1×1 e Corral desde perímetro acábanse levando o partido ante un Santo Domingo ao que lle falto acerto nos instantes finais.

A vindeira xornada visita Betanzos o Xixón, equipo que coa abultada vitoria desta fin de semana en casa marcha segundo na táboa.