Ponferrada atáscaselle ao Santo Domingo

Un lance nun partido do Santo Domingo como local. Foto do clube

Derrota do Santo Domingo Betanzos na súa visita a Ponferrada, nun encontro que dominaron ata o minuto final, no que os locais conseguiron voltear o resultado cun parcial 11-1. Correspondíase o partido á 25ª xornada da Liga EBA (grupo AB) e para el, Diego Fernández contaba coas baixas de Fernando Vidal e Daniel Martín, ambos por lesión, entrando na convocatoria o xogador do equipo júnior Jorge Sanjurjo.

Escapóuselle ao Santo o triunfo no Bierzo no último minuto, tras dominar no marcador durante gran parte do choque, nun encontro moi condicionado polo gran dominio do rebote dos locais (43 a 21), e que lles permitiu levarse finalmente a vitoria. Primeiro cuarto con moita igualdade, o Santo facendo valer o seu potencial interior con Thiam moi acertado, e os locais liderados polo exterior Sterling, que sería o seu referente ofensivo durante todo o encontro. Xa se facía forte o CDP desde o principio no rebote, dobrando aos betanceiros, e cargando de faltas aos pivots visitantes, destacando as dúas tempraneras faltas de Thiam, que lle mandaban ao banquiño antes do minuto (11-12 min 5).

O baixo acerto desde o perímetro facía que o marcador non se movese demasiado, e que se acabase o primeiro parcial cunha mínima vantaxe para o conxunto de Norat (18-17 min 10). Do mesmo xeito que en partidos precedentes, o segundo cuarto resultaba ser o máis completo do Santo Domingo. Achega coral ofensiva, liderada por Pereiro e Valcarcel con seis puntos cada un, e crecendo desde a defensa, aínda que os problemas para o control do rebote seguían presentes.

Tras uns primeiros minutos onde se mantiña a igualdade (26-28 min 15), o Santo escapábase no marcador tras un par de roubos en defensa, e crecendo no acerto desde o 6,75 con triplos de Will e Rodri. Unha canastra sobre a bocina de Amir Valcárcel deixaba a diferenza ao descanso en 9, máxima para o equipo de Diego Fernández (34-43 min 20).

Saían máis acertados os galegos nos primeiros compases do terceiro cuarto, e malia encaixar a primeira canastra, dous triplos consecutivos de Rodri Praza poñía a máxima vantaxe para o Santo no marcador (36-49 min 22). Apertaba o conxunto berciano, cunha boa defensa exterior, e apoiados en Sterling e no poderío do seu xogo interior recortaban distancias (45-53 min 25). O Santo aguantaba o envite, e nuns minutos finais de cuarto moi trabados e de pouca anotación conseguían chegar ao último cuarto cunha vantaxe de seis puntos (51-57 min 30).

Con todo por decidir, e tras un intercambio de canastras nas accións iniciais do cuarto periodo, un parcial 7-0 para o CDP, baseado nunha forte defensa e accións rápidas permitíalles empatar o partido (61-61 min 34). Opoñía o Santo unha canastra de Pereiro, e recuperaba en mando no electrónico, cun bo traballo defensivo, que se vía ensombrecido polos serios problemas no rebote que condicionarían en resultado final (63-68 min 38). Entraban os betanceiros con 5 aos dous últimos minutos, pero un rebote en ataque local acababa en mans de Barro, que cun triplo frontal recortaba distancias.

O Santo sufría para organizar o seu ataque ante a forte defensa do CDP, e conseguían cunha antideportiva moi polémica poñerse por diante a 1 minuto do final (70-68 min 39). Rozas sumaba un tiro libre que deixaba a diferenza en 1, e tras unha recuperación de balón, o Santo dispoñía de posesión para poñerse nuevamente por diante. Triplo fallado, rebote ofensivo e de novo 14 segundos a falta de pouco máis de 20 para acabar, pero os betanceiros perdían o balón, e na perda realizaban unha, esta vez si, clara antideportiva, que aproveitaban os locais para poñerse 3 arriba a falta de 12 segundos.

Intentaba o Santo roubar o balón para dispoñer dunha última opción, pero a presión non fornecía efecto, e cun mate de Barro certificábase o triunfo berciano, que deixa a ambos equipos empatados na clasificación, con 13 partidos gañados (74-69 min 40).

Próxima xornada, partido clave ante o filial do Obradoiro

Con esta derrota, o Santo (13-12) cae ao oitavo posto, iso si, en triplo empate con 6º e 7º clasificados, Innova Chef e Residencia Las Encinas, mantendo unha holgada renda cos postos descenso, tanto directo como por arrastres.

O vindeiro domingo, o Santo recibirá a visita do Obradoiro Silleda (8-17), nun encontro que se antoja decisivo para os intereses betanceiros, xa que en caso de triunfo evitarían de forma matemática o descenso directo (postos 12º ao 16º), e quedaríanse moi preto de evitar os postos 10º e 11º, que se poden ver afectados polos descensos de LEB Prata. Este transcendental partido para ambos equipos desputarase o domingo 25, ás 17:00 horas, no Carregal.