Importante victoria do Santo Domingo ante o Río Ourense Termal CB

Un lance nun partido do Santo Domingo como local. Foto do clube

Undécima vitoria da tempada, terceira consecutiva, para o Santo Domingo Betanzos, que se impuxo nun igualadísimo encontro ao filial do COB por 76-82, trala disputa dunha prórroga. O partido correspondíase coa 21ª xornada da Liga EBA (grupo AB). Para este partido, Diego Fernández contaba coas baixas de Fernando Vidal e Daniel Martín, ambos por lesión.

Debutaba co equipo o internacional chileno Osven Ledezma, que se incorpora para cubrir as baixas de Daniel e Fernando, que previsiblemente non poderán xogar máis esta tempada, e a saída de Marcos Escobar. Ledezma xa xogou durante tres meses a pasada tempada co conxunto filial do Santo Domingo. Tras unha semana moi complicada de adestramentos, debido a problemas de condensación nas pistas, o conxunto betanceiro desprazábase a Ourense coa esperanza de dar unha boa imaxe e sorprender ao conxunto local, que se atopaba a só unha vitoria de diferenza.

Saía mellor o Santo Domingo, logrando a súa máxima vantaxe durante o tempo reglamentario nos primeiros compases do partido, cun parcial 0-10 baseado nunha seria defensa e o acerto desde o perímetro de Rozas e Rodri, mantendo co paso dos minutos vantaxes no electrónico (7-12 min 5). Reaccionaban os de Alberto Gómez, e liderados pola súa parella de interiores, Igrexas e Román, volteaban o marcador, facendo sufrir ao Santo na pintura, tanto con finalizaciones próximas como con rebotes ofensivos (22-19 min 10).

Boa posta en escena do Santo Domingo no segundo cuarto, liderados por Abdou Thiam en ataque, e cunha mejoría en defensa que lles permitía poñerse por diante (29-30 min 15). Chegaría a partir de aí colapso ofensivo dos betanceiros, que só sumaban unha canastra en xogo durante cinco minutos, sufrindo para obter vantaxes interiores, e con pouco acerto desde fóra. No entanto, os ourensanos apenas conseguían sumar nestes minutos. Unha canastra sobre a bocina de Cortés, tras erro do Santo Domingo no rebote defensivo, deixaba a diferenza en 4 ao descanso (36-32 min 20).

Tralo paso por vestiarios, continuaba xogándose un encontro equilibrado, con vantaxes curtas para os locais, que seguían atopando nos seus pivots aos seus referentes, mentres que a anotación repartíase no conxunto de Diego Fernández (43-41 min 25). As diferenzas continuaban sendo mínimas no final do terceiro cuarto, con duelo de anotación entre Igrexas e Rozas, para chegar ao último acto con todo por decidir (52-49 min 30).

No cuarto, o COB dominaba por pouco grazas ás numerosas faltas que conseguía forzar Coado, e a bos minutos de Ismael Fernández, mentres que o Santo Domingo, comandado por Will Pereiro, moi acertado desde o 6,75, sostíñase en partido, ata que con 66-62, un triplo con falta adicional de Pablo Fernández situaba aos nosos en disposición de levarse a vitoria (66-66 min 38). Libres de Rozas e canastra de Amir, contrarrestadas tras cada unha delas por puntos de Román, deixaban a última posesión para que o Santo levásese o partido. Tiro precipitado que supoñía dar a opción de vitoria ao COB, pero os ourensanos perdían o balón, e con dous segundos por xogarse, Abdou Thiam tiña a opción de evitar a prórroga. O seu tiro non entraba, con polémica ante unha posible falta persoal, necesitando o partido cinco minutos máis (70-70 min 40).

No tempo extra, dominio de principio a fin do conxunto visitante, que con puntos de Thiam e un triplo de Rodri íanse a seis de vantaxe (70-76 min 42).Chegaría o Santo Domingo a alcanzar unha renda de 9, coa que equilibraban o basketaverage (60-69 na primeira volta para o COB), pero un triplo a un segundo do final de Pablo Román deixaba a diferenza en seis puntos (76-82 min 45).

En resumo, vitoria importantísima para o Santo Domingo, que pon terra polo medio cos equipos da zona media baixa, situándose nun cuádruplo empate na cuarta praza.

Próxima xornada, en casa ante Rosalía

Avecíñase outro choque clave para os betanceiros, que cun balance de 11-10, recibirán ao Instituto Rosalía (9-12), que se atopa nestes momentos empatado co COB, en postos de descenso por arrastres. O encontro disputarase o vindeiro domingo, ás 17:00 horas, no Carregal.