Betanzos retoma a Media Maratón volta á ría

Unha carreira ao seu paso pola Porta da Vila

O Concello e o clube “ As vellas non paramos” organizan o próximo día 6 de maio o Media Maratón de Betanzos “Volta Banco Mediolanum á Ría de Betanzos”, un evento deportivo cuxa última edición celebrouse en 2009, organizada polo Clube de Atletismo As Mariñas. Esta media maratón conta coa participación da Federación Galega de Atletismo ademais de patrocinadores como Eroski, Decathlon, Grupo Regueira, Talleres Cachaza, Fiateira Motor, Estrela Galicia, López Sánchez avogados, e CIV consulting.

Na organización tamén colaboran os concellos de Paderne e Bergondo, ademais da agrupación provincial de Protección Civil e a Policía Local de Betanzos.

A proba, contará coa participación do campión de España de Maratón, Pedro Nimo. Terá un percorrido de urbano e interurbano de aproximadamente 21 km. A inscrición, que custa 15 euros, manterase aberta ata o día 2 de maio na web carreiras galegas. Poderán participar maiores de 18 anos o ano, federados ou non, ata un máximo de 500 corredores.

O concelleiro de deportes, Andrés Hermida, agradeceu o apoio recibido polos diferentes patrocinadores e colaboradores para poder levar a cabo esta proba, en especial, o traballo do club “ As vellas non paramos” para, xunto co Concello, recuperar “unha carreira tradicional do noso municipio e que se perdeu no tempo”. Destacou tamén a colaboración especial de Banco Mediolanum para o desenvolvemento deste media maratón. Indicou que a saída se celebrará desde a praza García Naveira ás 9.30 horas, contando cunha ludoteca para que os máis pequenos teñan un espazo no que poder desenvolver actividades. Dispoñerase, ademais, dun dispositivo especial de tráfico.

Haberá unha Clasificación Xeral, distinguindo na mesma os premios para diversas categorías, segundo distintas franxas de idade.