O Betanzos presenta a Miguel Pena como novo adestrador

Un lance nun partido do Betanzos C.F. como local

O Betanzos C.F. xa ten adestrador para tratar de ascender novamente a Rexional Preferente co remate da vindeira tempada. Trátase de Miguel Pena Sánchez, que recala no García Irmáns procedente do Atlético San Pedro e conta cunha longa traxectoria nos banquillos (Brexo Lema, Español, Sp. Burgo ou Almeiras).

O clube salienta que se trata dun técnico bo coñecedor da Primeira Autonómica que chega “coas máximas expectativas de recuperar a categoría e devolver o equipo á Preferente despois dun descenso inxusto”. Miguel Pena afirma estar gratamente sorprendido do atopado en Betanzos “as instalacións son magníficas e estamos planificando conxuntamente coa directiva no deseño da plantilla intentando manter o bloque do pasado ano”.

Pendentes do sorteo da Copa Deputación, a pretemporada comenzará na segunda ou terceira semana de xullo. O novo técnico espera contar cun plantel de 18 ou 19 xogadores sen perder de vista a canteira, tendo como prioridades, inicialmente, o reforzo na dianteira e nos postos de laterais “de momento estamos a falar con xogadores que nos poden interesar aínda que o mercado está un pouco tolo”.

Á hora dunha aposta por un modelo de xogo inclínase polo xogo combinativo “cando se pode. Hai que adaptarse aos equipos. Non renuncio ao contragolpe nin a xogar pechado”. Agradece que o clube se acordase del para o posto “profesionalmente para min traballar nun clube do nome e a historia do Betanzos CF é unha gran satisfacción”.