O Betanzos perde en Dumbría e queda a 4 puntos do descenso

Un lance nun partido do Betanzos C.F. como local

Sentoulle mal ao Betanzos a visita á Costa da Morte para batirse ao Dumbría, un conxunto que, coma o rojillo, pelexa por evitar o descenso de Preferente. Os locais impuxéronse aos betanceiros nun partido trabado, no que o colexiado vigués Rodríguez Barreira amosou un bo feixe de cartóns amarelos, ata para expulsar por dobre amonestación ao local Pesco no minuto 90.

O Dumbría comezou adiantándose no marcador no minuto 13 e conseguiu manter a vantaxe ata a segunda parte, en boa medida grazas á súa estratexia de cortar constantemente o xogo. No 63 Pipo restablecía para os betanceiros a igualada inicial, pero apenas dez minutos despois Makaay volvía adiantar aos locais, nunha diferenza que xa non se alteraría máis malia os intentos do Betanzos e a quedar con 10 os locais no amplo desconto.

O resultado deixa ao Betanzos con 36 puntos, a só 4 precisamente do Dumbría, que con 32 marcha antepenúltimo, en postos de descenso.