Protagonistas da Idade Media en Betanzos: Xoán Branco, o dirixente da Gran Revolta Irmandiña

Poderosos gremios que marcaban o devir da cidade, rexedores e correxidores, nomes senlleiros das Letras, cabaleiros, heroes, precursoras… A Idade Media en Betanzos foi moito máis que a lenda do tributo das cen doncelas e a poderosa familia dos Andrade. Xornal de Betanzos inicia un percorrido esta semana sobre algunhas das figuras da Idade Media máis esquecidas da nosa cidade. Facémolo  cunha persoa totalmente esquecida á que Betanzos debe moito: Xoán Branco.

Xoán Branco, notario e escribán de Betanzos, foi o dirixente máis representativo da gran revolta irmandiña que sacudiu Galiza entre 1467 e 1469, o único capitán xeneral, que saibamos, que non procedía do estamento nobiliario, como sucedeu no caso de Alonso de Lanzós, Diego de Lemos e Pedro Osorio, os outros tres grandes nomes da revolta.

Branco é citado polos documentos da época como deputado, representante ante o rei, capitán xeneral e, fundamentalmente, home honesto e cabal, amigo dos pobres e preocupado polos abusos dos señores. Aparece na memoria colectiva derrubando fortalezas, ordenando o axustizamento de malfeitores e acudindo ante o rei Henrique IV en representación dos irmandiños. Foi quen de agrupar a labregos, burgueses, artesáns, mercaderes e cregos na defensa da paz e o bo goberno. A súa morte, tras a derrota da Irmandade, está rodeada de misterio. As fontes afirman que «o mataron», aínda que sen especificar quen nin en que circunstancias. A súa memoria perdurou no imaxinario popular como exemplo de home xusto e defensor dos humildes.

Todo indica que a demanda galega da irmandade máis efectiva parte de Betanzos e ten como líder ao notario Xoan Branco, despois deputado e capitán xeral irmandiño. Betanzos, conjuntamente coa Coruña, Pontedeume, Ferrol e As Mariñas, acaba logrando a carta de Enrique IV para a constitución da Santa Irmandade do reino de Galicia, que despois será pregoada en prazas e rúas. Xa en mayo de 1465, o noso Xoan Branco aparece representando a Betanzos e a Galicia nas Cortes de Salamanca, xunto coas restantes cidades partidarias de Enrique IV, quen ao mes seguinte fai cidade á vila de Betanzos, devólvelle o voto en Cortes e outórgalle a condición realenga. Henrique IV antes da súa morte recoñece o protagonismo irmandiño de Betanzos e agradece a devandita cidade, concedéndolle unha feira franca mensual.

A gran revolta irmandiña, fito fundamental da historia non só de Galiza senón das revolucións modernas europeas, foi un fenómeno transversal que aglutinou as arelas de cambio de todos os sectores sociais do antigo reino de Galiza. Moi diversas institucións, concellos, gremios, cabidos, abadías, etc., implicáronse na loita contra as arbitrariedades da nobreza, sufragaron a guerra e contribuíron creando cuadrillas de voluntarios para derrubar fortalezas e expulsar a señores e malfeitores. Foi a primeira revolta europea que ergueu a todo un pobo e conseguíu a implantación, aínda que por un breve período de tempo, dunha nova orde baseada na xustiza e a equidade. Á fronte estaban as Xuntas da Irmandade do Reino de Galiza, o antecedente da actual Xunta de Galiza, que artellaron unha organización que foi quen de facer fuxir aos nobres, extirpar o bandoleirismo, organizar a administración de xustiza, o poder militar e o cobro de tributos en representación do rei e impoñer a paz.

A revolta dos irmandiños, coa súa capacidade para erguer a todo un pobo contra das inxustizas e arbitrariedades da nobreza, é un acontecemento que expresa como poucos a forza da unidade nuns viláns sometidos a un sistema social tan brutal como inxusto. Por méritos propios, forma parte dese reducido conxunto de xestas das que a humanidade enteira debe sentirse, con razón, orgullosa. Pois, ao cabo, a gran revolta irmandiña non é sino un chanzo máis na procura da liberdade e a dignidade humanas.

E así, a cidade que lle debe a Xoán Branco a celebración dunha feira franca- libre de tributos- dun mes de duración, a recuperación do voto en Cortes e mais o propio título de Cidade esquece e nega calquera recoñecemento público ao fillo que o fixo posible.