Lendas de Betanzos: os grilletes da Angustia e a cara da Soidade

A imaxe da Angustia na praza

Na comitiva da procesión do Santo Enterro, evolucionada a partir da que partía hai dúas décadas da conventual de San Domingos, xunto con tambores e timbais que rompen o silenzo corazón da cidade antiga, saen varias imaxes con imaxes que acumulan séculos, cada unha coas súas historias e devocións particulares. Dúas imaxes doutras tantas advocacións marianas fan parte desta procesión: a da Nosa Señora da Quinta Angustia, titular dun dos santuarios de máis devoción da comarca, e mais a da Soidade.

A do santuario de San Pedro das Viñas ten dúas lendas relacionadas. A primeira fala da propia orixe do templo coa milagrosa aparición dunha talla de pedra da Virxe, que aínda se venera no interior da igrexa construída nas inmediacións da torre de Illobre, a raíz do achádego. Unha lenda mimética da que deu orixe á construción, na outra beira da ría e practicamente enfrontado, do santuario dos Remedios, anterior e cuxas medidas tamén tomou o templo barroco da Angustia. Non é a que sairá en procesión, obra do escultor compostelán do XVIII Magariños segundo os expertos e integrante do altar maior do santuario.

A outra lenda recóllea Francisco Vales Villamarín, situando no inventario de bens do templo un grillete de ferro que, segundo o cronista, sería a que aprisionaba a un home condenado por un crime que non cometera. Pasando por diante do templo, tería pregado á Virxe que patroneou ás cigarreiras da Coruña que descubrise a súa inocencia, caendo o grillete ao chan e acabando como ofrenda votiva no templo.

“Non me toques, así estou ben”

A Soidade da igrexa de San Domingos

Aínda que máis nova, a talla de Nosa Señora da Soidade que sae de San Domingos tras abandonar o seu retablo barroco tamén ten a súa lenda. É unha obra do século XIX, que substitúe á anterior que terían queimado os franceses en 1808 cando armaron cuartel no convento dominico. Superada a ocupación, a confraría tería encargada unha nova imaxe para substituír á perdida. Encargouse da obra un escultor ao que acababa de finarlle a prometida, dándolle por rostro, sen querer, o da súa amada.

Cando se percatou e pretendeu mudar a expresión da cara da Virxe, xa coa ferramenta na man, oíu unha voz que lle dixo “non me toques, así estou ben”. Coroa de ouro e manto de terciopelo negro bordado con fío de ouro son obras de principios do século XX realizadas en Barcelona e donadas pola devoción popular.