O dúo Alba Noctúa actuará hoxe en Abegondo polo día de Rosalía

O grupo Alba Noctúa, composto polos galegos Paloma Suanzes e Miguel Mosquera, ofrecerán un concerto didáctico hoxe venres no instituto de Viós no municipio de Abegondo, con motivo da celebración do Día de Rosalía. O concerto será ás doce do mediodía.

A actividade está organizada pola área de cultura da Deputación da Coruña e polo concello de Abegondo. Alba Noctúa naceu en 2005 logo dun longo percorrido musical por separado de Suanzes e Mosquera. Os dous músicos coñecéronse durante a grabación do disco de Pomba, Feitizo, no ano 1999 pero ata 2001 non empezaron a colaborar musicalmente e ata catro anos despois non crearon o grupo.