A Deputación da Coruña destina case un millón de euros a apoiar as actividades das asociacións culturais

A Vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín (BNG),

Un total de 953.366 € é a cantidade que a área de Cultura da Deputación da Coruña destina a apoiar os programas de actividades das asociacións culturais. En total son 251 as entidades beneficiarias dunha liña de axudas que ten como obxectivo afortalar o tecido cultural de base.

A área de Cultura da Deputación da Coruña, que dirixe a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei (BNG), destina este ano case un millón de euros a apoiar a actividade das asociacións culturais dos concellos da Coruña. Nesta nova convocatoria, 251 son as entidades que recibirán apoio económico da Deputación da Coruña para desenvolver os seus programas de actividades segundo a concesión provisional que sae publicada no BOP deste 17 de outubro.

Escolas de música, actividades de formación, semanas culturais, obradoiros, certames artísticos, accións divulgativas do patrimonio, elaboración de documentais, programas experimentais, procesos de dixitalización, edición de publicacións divulgativas ou organizacións de eventos especiais son algunhas das iniciativas que presentaron á convocatoria as distintas asociacións que están a traballar no territorio da Coruña.

“Para nós é fundamental contribuír á dinamización do tecido cultural e á cantidade de actividade que desenvolven as asociacións. Entendemos, como di o noso lema, que a cultura é un dereito e iso non se refire unicamente á participación en eventos culturais senón tamén á posibilidade de producir cultura, de crear iniciativas e materializalas como se fai na gran cantidade de asociacións culturais que traballan nos concellos”, explica Goretti Sanmartín dunha liña de axudas en concorrencia competitiva que a Deputación dota con case un millón de euros.

O orzamento que a Deputación da Coruña destina ás actividades das asociacións culturais súmase aos case trescentos mil euros que achegou para investimentos culturais das entidades. Máis de cen asociacións culturais -en total 111- recibiron axudas para adquisición de equipamento, material informático e audiovisual, elaboración de páxinas web, compra de instrumentos, melloras nas sedes, xogos, mobiliario, ferramentas dixitais, reparacións das instalacións, colocación de calefacción e deshumidificadores, renovación de equipos de oficinas, compra de vestimentas para actividades culturais, equipamentos de club de lectura, pintura de locais ou equipos de luces que son os proxectos presentados polas entidades, entre as que se atopan asociacións culturais, sociais e veciñais, asociacións de nais e pais de centros de ensino ou agrupacións especializadas que desenvolven actividades no ámbito da cultura.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, destaca que “con estas dúas liñas quérese afortalar o labor de gran valor que levan a cabo as asociacións e contribuír a que o fagan nas mellores condicións posíbeis por iso queremos apoiar as actividades mais tamén fornecer de investimentos necesarios para o seu traballo”.

A resolución da liña de actividades para asociacións culturais xunto cos programas presentados e a cantidade por entidade pódese consultar na seguinte ligazón do BOP:

http://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2018/10/17/2018_0000007603.pdf