As xornadas Malas linguas abren o debate sobre como gañar novas persoas falantes de galego

A Vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín (BNG),

Máis de trinta especialistas en normalización lingüística participan na primeira cita das xornadas Malas linguas, un programa promovido pola Deputación da Coruña para abordar a situación do galego e das políticas públicas lingüísticas.

Durante a inauguración, a vicepresidencia da Deputación e responsábel das áreas de Normalización Lingüística e Cultura, a nacionalista Goretti Sanmartín, enmarcou a necesidade destes debates posto que “non estamos no mesmo lugar nin contexto de hai uns anos, senón padecemos unha ofensiva contra o galego e a súa lexitimidade moi forte; por iso hai que traballar contra os contexto de opresión”.

Na primeira mesa de debate, baixo o título “A lexitimidade das políticas públicas”, o profesor e escritor Suso Fernández Acevedo fixo un repaso polos principais trazos da situación actual do galego na súa relación coas políticas públicas. Durante a súa intervención, apuntou a unha revisión dos termos que se utilizan a respecto da lingua, propoñendo o provocador cambio de normalización por igualación, facendo referencia a eliminar os privilexios dunha lingua sobre outra. Así mesmo, centrou o debate sobre a lexitimidade das políticas de discriminación positiva do galego, tendo en conta que “axudar ao máis débil non é discriminar”, formulando o beneficioso que sería que en todos os ámbitos o galego fose utilizado como “lingua por defecto”.

Pola súa banda, e baixo o título “Argumentos para o galego”, a actriz María Vázquez compartiu a súa relación da lingua desde a súa experiencia profesional e persoal. “O peor galego é o que non se fala” foi a premisa baixo a que explicou non só os seus vínculos persoais co galego, senón tamén como ela percibe o conflito lingüístico e a normalización no sector audiovisual.

Nunha segunda mesa de debate presentáronse as experiencias do proxecto europeo Tosta na voz da entidade vasca Topagunea, a plataforma catalá SomEscola e a galega A Mesa pola Normalización. A xornada da tarde centrouse nos discursos sobre o galego, e aquelas persoas e colectivos deben dirixirse as políticas lingüísticas actuais, e nela participaron Nel Vidal e Valentina Formoso, que presentaron as experiencias de equipos de normalización lingüística nos concellos e no ensino, respectivamente.

A xornada pechouse cunha diagnose colectiva na que participaron todas as asistentes e relatoras.

Malas linguas, unhas xornadas para pensar o galego

‘Malas linguas’ é un complemento máis ao traballo que a área de Cultura da Deputación da Coruña está a facer en favor da normalización do galego, xunto coa exitosa campaña ‘O galego, a miña lingua propia’, dirixida a un público adolescente a través do que se impulsaron un cento de actividades en 43 concellos, e que están a achegar persoas recoñecidas en diferentes ámbitos de actividade que pretenden servir de referentes no uso do galego para a mocidade.

A próxima cita de Malas linguas será o próximo 29 de novembro, baixo o título de “Lingua e memoria: transmisión familiar da lingua”, e estará centrada en explorar a historia do abandono da lingua galega e de que xeito esa interrupción na transmisión chegou ate hoxe.