Arranca “Sábados miúdos”, un novo programa de dinamización lingüística para crianzas

Taxis ante o Edificio Arquivo

A necesidade do impulso da transmisión interxeracional da lingua galega, así como dunha programación de lecer específica para a primeira infancia son os obxectivos do programa Sábados miúdos que o Concello de Betanzos bota a andar este mes de febreiro cun primeiro contacontos. O programa levarase a cabo durante os vindeiros catro meses con contos para bebés en lingua galega e con contidos de dinamización lingüística transmitidos a través dos contacontos Caxoto e Raquel Queizás.

O programa de contos para bebés “Sábados miúdos” terá lugar os sábados 9 de febreiro, 2 de marzo, 27 de abril e 11 de maio ás 12:00 h da mañá no Salón Azul do edificio Liceo, aínda que as datas poderían sufrir algunha modificación por algún imprevisto. A programación incluirá catro contacontos para bebés de distintas idades, por conta de Raquel Queizás e Caxoto Contacontos, que traerán a Betanzos os seus espectáculos “Levántate Xan”, “A viaxe de Nano”, “O berce das verbas” e “O xogo de Nano”.

O primeiro dos contos terá lugar o sábado 9 de febreiro ás 12:00 h no Salón Azul do edificio Arquivo do Antigo Reino de Galicia. “Levántate Xan”, de Caxoto Contacontos está dirixido a bebés de 8 meses a 4 anos. A actividade terá 20 prazas, con preferencia para os nenos e as nenas empadroadas, que poderán asistir acompañadas dun máximo de dúas persoas adultas. O prazo de inscrición para o contacontos estará aberto en www.betanzos.gal desde o 1 de febreiro ás 10:00 h ata o 7 de febreiro ás 15:00 h. A confirmación da praza realizarase uns días antes da actividade no correo electrónico ou no teléfono facilitado no momento da inscrición.

Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado nas Oficinas Xerais do edificio Liceo, no teléfono 981 770 011 (ext. 2224) ou no enderezo electrónico normalizacion@betanzos.net.

Levántate Xan

Levántate Xan conta como é a hora de deitarse na granxa. Xan revisa que todas as tarefas estean feitas: fixo os deberes, limpou os dentes, fixo pis, puxo o pixama e marchou para a cama, mais esqueceu algo moi importante, darlle a cea aos animais.

Ao día seguinte o galo érguese cedo como cada día para despertar ao sol mais ten tanta fame que non pode cantar… e todo o mundo sabe que se o galo non canta o sol non se levanta, e se o sol non se levanta, Xan nunca despertará e non lles dará de almorzar e todo será un desastre!