A Deputación trae a Betanzos un obradoiro para crianzas ata 6 anos

O Salón Azul está na á esquerda do primeiro andar do Edificio Arquivo

O Concello de Betanzos programa para este outono por primeira vez obradoiros de música, contacontos e dinamización lingüística para bebés de 0 a 6 anos e as súas familias. Estes obradoiros de recursos en galego para as familias correrán por conta de Fabaloba Cooperativa Galega e o músico Luis Prego e forman parte do programa “Lingua a escena” da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

A programación constará de dous obradoiros, “A casa encantada de Alí”, que terá lugar o sábado 20 de outubro, e “Un bico para Alí” que se desenvolverá no vindeiro mes de novembro, ambos os dous están orientados a bebés de 0 a 6 anos e as súas familias. Para asistir aos obradoiros é necesario realizar a inscrición previamente en www.betanzos.gal. Hai un límite de 20 prazas (bebés) que poden vir acompañados por un máximo de dúas persoas adultas e terán preferencia os nenos e as nenas empadroadas.

A inscrición para o primeiro dos obradoiros, que terá lugar o vindeiro 20 de outubro, ás 12:00 h no Salón Azul do edificio Liceo, está aberta do 1 ao 18 de outubro e pode realizarse nesta ligazón. A confirmación da praza realizarase uns días antes da actividade no correo electrónico ou no teléfono facilitado no momento da inscrición.

Máis información e inscricións no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, sitiuado nas Oficinas Xerais do edificio Liceo, teléfono 981 770 011 (ext. 2224) e enderezo electrónico normalizacion@betanzos.net

“A casa encantada de Alí”

Este obradoiro cóntanos a historia de Alicia, que chega unha noitiña á súa nova casa, un fogar moi particular que a esperta con cancións e onde cada paso adiante lle permite descubrir cofres misteriosos cheos de xogos e ilusións.

Luís Prego e Fabaloba únense nesta historia contada e mais cantada e pintada a través de xanelas dun fantástico Kamishibai. No remate as persoas adultas poden asistir a unha breve presentación do portal Alí de recursos en galego para a educación infantol (aliali.gal) e, canda as nenas e nenos, manipular o material presentado.