A Xunta tumba tamén o plan para San Marcos de Santiso Miramontes

Recreación do proxecto para San Marcos

Novo revés para o urbanismo de Santiso Miramontes. A Xunta rexeitou incluír nas normas provisionais de urbanismo, que se elaboran trala anulación polo Tribunal Supremo do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) por un excesivo volume de edificación no municipio, a creación dunha praza, edificios de vivendas e baixos comerciais en San Marcos, pola traseira da capela e o campo da feira, nunha actuación que o goberno local do PP pretendía avalar coa construción dun novo centro de saúde.

O goberno galego opta por manter a clasificación da zona de equipamentos de San Marcos como chan rústico e rexeita tramitar o plan que Abegondo concibiu cando prevía clasificar ese sector como solo urbano consolidado.

Santiso Miramontes avanzou xa que agora impulsará un plan especial en solo rústico para impulsar a creación do ambulatorio e que só afectará á parcela municipal adquirida para a infraestructura sanitaria, pero non aos propietarios das parcelas colindantes como acaba de vetar a Xunta. Segundo o rexedor, incluír este desenvolvemento nas normas subsidiarias permitiría tramitalo con maior rapidez e que agora terá que premer ao goberno galego para axilizar o plan especial para levar adiante o novo centro de saúde, para cuxa construción xa hai un compromiso por parte do Goberno galego, sostén, malia non figurar partida nas contas da Xunta para esta obra.

Un planeamento cuestionado

A decisión da Xunta acaba de avalar as alegacións presentadas polo BNG en xuño do pasado ano, durante o período de exposición pública do Plan especial de reforma interior do solo urbano non consolidado UU-R13 en San Marcos. Os nacionalistas advertían da inseguridade xurídica que supón aprobar un Plan especial co PXOM anulado e pendente de resolución de recurso naquela altura.