A Xunta traslada a fiscalía á Fundación Francisco Franco polas visitas a Meirás

Acción dos nacionalistas reclamando a súa devolución o pasado verán

A Consellería de Cultura instou a Fiscalía a abrir unha investigación “a fin de analizar e valorar” se a Fundación Nacional Francisco Franco “está cometendo algún delito” no pazo de Meirás. A Xunta tomou esta decisión despois de que a fundación instalara na antiga capela de Emilia Pardo Bazán un panel sobre o “xenocidio de católicos españois” no que critica o “sadismo” e “brutalidade” da Fronte Popular e no que carga contra os “continuadores da Fronte Popular” que reclaman a exhumación dos restos do ditador do Valle de los Caídos.

O cartel que a Fundación Francisco Franco instalou neste Ben de Interese Cultural describe a Basílica do Valle de los Caídos “como o monumento funerario máis importante levantado pola humanidade no século XX” e acusa aos políticos que reclaman a exhumación dos restos de Franco e Primo de Rivera de pretender “retrotraer” o país “a 1936” e a “actos tan execrables como a exhumación e escarnio público das relixiosas do Convento das Salesas de Barcelona”.

A instalación deste cartel coincide coa visita de oito parlamentarios de diferentes países a este mausoleo levantado polos presos represaliados no que foi enterrado o dictador con todos as honras e en que aínda hoxe permanecen sen identificar máis de 12.000 cadáveres. A visita dos eurodiputados saldouse co compromiso de todos os participantes de impulsar actuacións desde Europa para forzar a España a reparar ás vítimas.

O responsable das visitas ao pazo de Meirás defendeu a instalación deste panel no Ben de Interese Cultural e argumentó que a capela deseñada por Emilia Pardo Bazán era un lugar apropiado para recordar aos “mártires do xenocidio dos católicos españois” que foran “beatificados”.

A decisión da Xunta de pedir a Fiscalía que “analice e valore” as mensaxes chega meses despois de que o Goberno galego se negase a impedir que a Fundación Francisco Franco xestionase as visitas ao BIC, tal e como reclamaba a oposición. O Executivo mantivo entón que non lle constaba que se realizase apología do franquismo nas visitas ao Ben de Interese Cultural e garantiu que tomaría medidas ante calquera indicio.