Acordo historico no Parlamento para pedir a devolución gratuíta do Pazo de Meirás

Ocupación simbolica de Meirás polo BNG

O Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade, tras un proceso de transacción entre todos os grupos da Cámara, solicitar a devolución do Pazo de Meirás sen custe algún para Galiza, incorporando así a emenda presentada polo BNG, que consideraba irrenunciable para o acordo un pronunciamento en contra de indemnizar á familia Franco pola devolución do patrimonio espoliado ao pobo galego.

“A familia Franco é unha familia ocupa e xa pagamos este pazo a golpe de extorsión e co desvío de fondos públicos en plena ditadura”, denunciou no debate a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, polo que sería unha “aberración” calquera tipo de compensación aos herdeiros do franquismo, “unha labaza ás vítimas e a dignidade deste pobo” intolerables en democracia, argumentou.

Ademais de apoiar as iniciativas para a recuperación do Pazo de Meirás, a proposición non de lei do BNG incluía a proposta de que o Parlamento expresase o seu apoio ás 19 persoas denunciadas pola fundación e a familia Franco por participar nun acto para reclamar, precisamente, a devolución que hoxe aprobou a Cámara, e que previsiblemente serán xulgadas en Betanzos se a demanda dos Franco segue adiante.

Pontón, que celebrou o cambio de criterio do PP sobre Meirás,  criticou que o PP vetase ese apoio ás persoas protagonistas dun acto simbólico e pacífico, “un acto de rebeldía que tivo gran repercusión, reactivou o debate social sobre a devolución e contribuíu a contarlle ao mundo a situación na que está este BIC coa conivencia da Xunta”, que mesmo ten aportado 60.000€ á Fundación Franco pola xestión das visitas, pese a ter como fin exaltar a figura dun ditador xenocida.

Por iso, a proposición do BNG tamén incluía a petición para ilegalizar a Fundación Franco, -“alguén se imaxina unha fundación Hitler xestionando visitas na residencia turística de Berghof?”, interpelaba Pontón-, así como destinar o pazo a un espazo da memoria. Todas foron rexeitadas polo PP. Á negativa do PP sumouse a abstención do PSOE, que se negou a apoiar a demanda de ilegalización da entidade que honra e promove a figura do xeneral golpista.

A Xunta pro Devolución demanda ao Estado que axilice a recuperación das torres

A Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás acordou na reunión que tivo lugar este mércores na Deputación da Coruña instar ao goberno central a que inicie o proceso xudicial de recuperación do Pazo de Meirás e considere o tema como unha “prioridade política”. Solicítalle ao executivo presidido por Pedro Sánchez que imprima no proceso a mesma celeridade que a que nestes momentos se traslada sobre o Valle de los Caídos.

Solicitar formalmente que o Goberno central active o proceso de recuperación do Pazo de Meirás para ben público é un dos acordos que a Xunta pro Devolución tomou na xuntanza que se desenvolveu hoxe na Deputación da Coruña. Na reunión aprobouse por unanimidade ratificar a liña aberta polo informe xurídico e solicitar ao goberno presidido por Pedro Sánchez unha posición activa para iniciar o proceso xudicial que devolva o Pazo de Meirás ao patrimonio público.

Na xuntanza, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, deu conta dos pasos dados desde que se presentaron os informes histórico e xurídico dirixidos por Emilio Grandío, profesor da Facultade de Historia da USC, e por Xabier Ferreira, profesor da Facultade de Dereito da USC, e das respostas obtidas nas distintas xestións.

Como fora acordado na anterior convocatoria, a Deputación da Coruña remitiu carta ao presidente do Consello de Administración do Patrimonio Nacional e á vicepresidenta e ministra da Presidencia do goberno de Mariano Rajoy, Soraya Sáenz de Santamaría, que rexeitaron iniciar o proceso xudicial alegando non ter competencia para facelo.

Que a recuperación do pazo vaia en paralelo ao cambio no Valle de los Caídos

Co cambio de goberno, a Deputación da Coruña dirixiuse tamén á vicepresidenta do goberno e ministra da Presidencia, Carmen Calvo e ao ministro de Cultura, José Guirao, para remitirlles de novo os informes e sinalarlles que a vía que abren implica á Patrimonio Nacional como a instancia máis acaída para iniciar o proceso xudicial. Despois da xuntanza de hoxe, a Xunta pro Devolución lémbralle ao goberno central a necesidade de “que a recuperación do Pazo forme parte da axenda política máis urxente e tome a mesma celeridade que se está a promover noutros asuntos de importancia no ámbito da recuperación da memoria histórica como é o Valle de los Caídos”.

Actos para difundir a situación do pazo e o expolio

Na reunión aprobouse tamén a organización de distintos actos de difusión da situación actual en que se encontra o Pazo de Meirás e da visibilización do espolio que a familia Franco cometeu coa propiedade inmobiliaria. Aprobouse que, antes do remate do ano, a Deputación da Coruña, en colaboración coa Xunta pro Devolución do Pazo, impulsará e organizará un grande acto no Teatro Colón encamiñado a sumar un amplo apoio social a esta reivindicación central na recuperación da memoria histórica.