A Xunta cambia a normativa para facilitar talas en Rede Natura

Unha fraga autóctona

A Xunta permitirá cortar piñeiros e eucaliptos en espazos de especial protección (Rede Natura, parques naturaise outras paraxes protexidas) só cunha notificación previa á Administración, e sen necesidade de agardar a un permiso da mesma. O Consello da Xunta avaliou este xoves un informe polo que se inicia a tramitación do borrador dunha orde para axilizar os aproveitamentos forestais nestes espazos.

A aprobación das condicións sectoriais permitirá substituír a solicitude de autorización de aproveitamento polo trámite de declaración responsable. É dicir, non será necesario recadar autorizacións previas, co recorte de prazos e custos que isto supón, sempre e cando o solicitante inclúa na declaración responsable o seu compromiso de realizar o aproveitamento axustándose ás condicións establecidas nos pregos que se aproban nesta orde.

O aproveitamento madeireiro que se regula nesta orde afectará ás talas de piñeiro galego ou do país,  piñeiro de Monterrei, piñeiro de Oregón, acacia negra e eucalipto. A Consellería do Medio Rural xa puxo en marcha a pasada primavera o novo sistema de xanela única para a autorización de cortas, a través do cal os propietarios teñen un único interlocutor coa Administración autonómica. Comezouse, ademais, a aplicar o procedemento de declaración responsable para cortas de piñeiros e eucaliptos en espazos sen protección especial, de tal xeito que a acción resultaba inmediata sen necesidade de esperar por ningunha resposta da Xunta. Así mesmo, aplicábanse a autorización forestal única para todas as especies en espazos con protección.

Desdw a Xunta consideran que “se dá resposta a unha demanda histórica do sector forestal e dos propietarios de montes, que reclamaban simplificar o sistema de aproveitamentos forestais. Ademais, cúmprese con outro dos 30 puntos recollidos na proposta de acordo forestal” .