A Xunta abre o expediente para a declaración BIC da Terraza

A Consellería de Cultura iniciou os trámites para declarar Ben de Interese Cultural A Terraza de Sada. O Diario Oficial de Galicia publicou onte a incoación do expediente para protexer este quiosco modernista deseñado por Antonio López Hernández en 1912 que foi trasladado a Sada en 1920 desde os Xardíns de Méndez Núñez.

A Terraza de Sada dispón desde onte e ata que conclúa o expediente da cualificación de BIC de forma provisional. O trámite fíxose de rogar. O Ministerio de Cultura apurou un primeiro intento en 1975 que non chegou a bo término e a Xunta retomou os trámites en 1995 e 2011. Ambos sen éxito.

A Dirección Xeral de Patrimonio admite no seu informe que o estado do inmueble é “precario”, aínda que se mantén en condicións de ser usado”. “O ben precisa dun proxecto ou plan integral de conservación”, destaca na súa resolución.

A declaración provisional de Ben de Interese Cultural prodúcese no ano en que finaliza a concesión de Costas outorgada en 1922 para un quiosco de venda de bebidas. O PGOM de Sada xa outorga a este edificio modernista un grado de protección integral e delimita un contorno de protección que a Consellería de Cultura mantén na súa proposta de declaración de BIC.

A Terraza figura no PXOM como sistema xeral de equipamiento público de uso socio-cultural. Actualmente o edificio mantén un uso hosteleiro de restaurante e café-jazz e a Xunta considera que “podería ser factible e beneficioso revisar a posibilidade de incorporar outros usos que colaboren ao seu sustento e uso entre a comunidade, tal e como requiriu o Concello en 1982”, en alusión a posibles usos culturais e de lecer.

O Goberno local de Sada mostrou a súa “satisfacción” polo inicio dos trámites para a declaración de Ben de Interese Cultural, unha distinción que foi reclamada insistentemente por todos os grupos da Corporación.