O BNG de Vilasantar lamenta o falecemento dun veciño na festa dos maiores

Fernando Pérez Fernández Alcalde de Vilasantar

O pasado sábado celebrouse a festa dos maiores de Vilasantar, celebración á que os Concelleiros do BNG non asistiron porque o alcalde non tivo a ben coma sempre convidar as concelleiras e concelleiros da oposición. Na celebración faleceu un veciño “non había, como si hai noutros concellos neste tipo de eventos servizo de protección civil algo que consideramos que aínda que non é obrigatorio si debe ser unha práctica habitual en eventos en onde se  reúne un bo número de persoas” indican desde o BNG.

O BNG lamenta profundamente o falecemento deste veciño e trasladámoslle o noso fondo pesar á familia mais tamén queremos trasladarlle ao goberno local “a súa falla de sensibilidade e de respecto pola persoa falecida. O alcalde non só non suspendeu a festa en sinal de respecto, aínda vendo que moitas e moitos veciños se foron,  senón que iniciou ao pouco tempo a actuación do grupo musical e continuaron alí coa música, como se nada tivese pasado, nunha actitude lamentábel”

Desde o BNG solicitamos que se tomen todas as medidas neste tipo de celebracións “sabemos que estas situacións poden acontecer e que non se poida facer nada mais tamén é certo que habendo medios dispoñíbeis evítanse nalgunhas ocasións problemas maiores”.

O BNG tamén solicita  que o goberno local do PP pida desculpas á familia da persoa falecida por non ter suspendido a actuación musical.