A Vicepresidencia da Deputación lanza un documental sobre o expolio do pazo de Meirás

Ocupación simbolica de Meirás polo BNG

A área de cultura da Deputación, que dirixe a deputada do BNG e vicepresidenta do ente, Goretti Sanmartín, ven de poñer na rede un documental de dez minutos para difundir a historia e a situación actual do Pazo de Meirás, que a familia Franco ten á venda nunha inmobiliaria. A iniciativa é un dos acordos adoptados pola Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás que se reunirá de novo o vindeiro 1 de marzo para facer públicos os informes xurídico e histórico en que levan tres meses traballando os especialistas.

“O documental ten como obxectivo que se coñeza a verdadeira historia de usurpación e espolio do Pazo de Meirás por parte da familia Franco”, explica Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, organismo que encargou a elaboración do vídeo como un dos acordos tomados na reunión plenaria da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás. A publicación prodúcese cando o proceso de venda do inmóbel é xa unha realidade e a inmobiliaria cántabra á que a familia lle encargou a súa promoción está a utilizar imaxes do NODO que vinculan os distintos espazos coa vida oficial e privada do entón xefe de Estado.

No web da Deputación e espallado en redes sociais

O vídeo está dispoñíbel na páxina da propia Deputación da Coruña e promocionarase o acceso a través das redes sociais da área de Cultura e do propio organismo para dar a coñecer o proceso que levou a residencia da escritora Emilia Pardo Bazán ás mans da familia Franco, pasando por todas as transaccións e o espolio do que foron vítimas de maneira especial á veciñanza da contorna. Investigadores que estudaron a historia recente do Pazo de Meirás, familiares de persoas que perderon bens na zona e a propia vicepresidenta, Goretti Sanmartín son algunhas das voces que se recollen no vídeo que incorpora tamén documentos e imaxes históricas.

“A iniciativa forma parte do traballo que está a desenvolver a Deputación da Coruña encamiñado a que o Pazo de Meirás pase a ser un ben público. Ademais deste aspecto de dar a coñecer a historia, de especial relevancia cando o Pazo está en venda e cómpre impedir que se produza, súmanse os dous informes que presentaremos en breve”, sinala Goretti Sanmartín que cumpre así os acordos da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, constituída a instancia da propia Deputación da Coruña, dun documento que será tamén útil para conseguir que futuras persoas compradoras teñan coñecemento da situación en que se atopa.

A reversión ao patrimonio público, a opción da Deputación

Con respecto ao camiño xurídico, Goretti Sanmartín adianta que “se está a traballar de maneira sólida e contundente para que a vía xurídica para que o Pazo pase a ser un ben público sexa exitosa. Non estamos a falar de declaracións de intereses ou vontade senón unha vía que se poda materializar e consiga os seus obxectivos”, sinalou do informe xurídico en que levan especialistas do ámbito levan traballando tres meses e que será presentado en breve.