Unha soa empresa opta á redacción do PXOM de Abegondo

Santiso Miramontes (PP) é o alcalde de Abegondo

Só unha empresa presentou oferta ao concurso público para redactar o novo plan xeral de Abegondo. Trátase dunha unión temporal de empresas (UTE) da que non forma parte a anterior redactora do PXOM, que foi anulado polos tribunais polo “desproporcionado” e sen “xustificación” do número de vivendas previstas, entre outros motivos.

O concurso para redactar un novo PXOM de Abegondo, o terceiro despois de que os 2 anteriores aprobados polo actual alcalde foran anulados, recibiu un número inusualmente baixo de ofertas se se compara con outros procesos similares en concellos da comarca. O Concello sacou a contratación os traballos por 207.000 euros tras recibir unha subvención da Xunta con cargo a unha liña específica para os casos de anulación de plans xerais.

O Concello de Abegondo destaca que o criterio fundamental para adxudicar o contrato nesta ocasión non será o económico: outorgaranse ata 20 puntos á memoria metodolóxica; a memoria técnica (e a dedicación ao traballo e organización proposta) conllevará ata 25 puntos; e a oferta económica, ata 40 puntos. Tamén se inclúe ata un máximo de 10 puntos por se se realiza unha redacción detallada en solos urbanos non consolidados.

O prego establece que o equipo redactor do plan xeral estea formado por un mínimo de tres especialistas con titulación universitaria de segundo ou terceiro ciclo, con polo menos un arquitecto ou enxeñeiro de camiños. Un deles debe ter experiencia como director de plans xerais, polo que debe expoñer o seu currículo (plans xerais, normas subsidiarias, plans parciais, etc). O contrato inclúe a redacción do PXOM e tamén a actualización da cartografía (a actual é de 2004) con fotografías e traballo de campo. O prego esixe que todo o documento completo estea escrito en galego e o equipo que resulte adxudicatario deberá realizar planos en distintos formatos de todo o término municipal, ca súa topografía.