Unha promotora reclama unha indemnización de 558 mil euros ao Concello de Miño

A promotora Mantuano remitiu ao Concello de Miño un segundo escrito para esixir unha indemnización de 558.000 euros pola en conceder a licenza de primeira ocupación a un dos bloques do complexo a Barrosa, composto por 18 vivendas e 6 despachos. A empresa, con sede en Madrid, xa presentara unha reclamación a finais de 2016 e critica que o Concello “non se dignase a contestar”.

Esta promotora con sede en Madrid recorda no seu escrito que a xunta de goberno acordou denegar a licenza de primeira ocupación para o edificio o 16 de xullo de 2014 e que, tras presentar un recurso que non foi atendido, viuse obrigada a acudir á vía contenciosa. Destaca que o decembro de 2015 o xulgado número 1 da Coruña estimou a súa reclamación e ordenou ao Concello conceder o permiso. “A sentenza adquiriu firmeza o 6 de xaneiro de 2016 e, malia iso, vostedes non concederon a licenza de primeira ocupación ata meses posteriores”, recrimínalle a promotora ao Concello.

Sostén que o “funcionamento anormal” do Concello causoulle unha lesión patrimonial pola caída dos prezos do mercado, a depreciación das vivendas, pola resolución de contratos de compraventa e por danos ocasionados polo vandalismo nas vivendas baleiras.

A empresa sostén que o valor de venda do bloque ascendía a 3.449.820 euros cando se lle denegou “inxustificadamente” a licenza de ocupación. Segundo as súas estimacións, o tempo que perderon polo atraso en conceder a cédula de habitabilidade provocou unha depreciación anual do 5% que, en euros, alcanza os 344.982 euros. A esta suma, a promotora engade a perda de ingresos por aluguer, que cifra en 213.120 euros.

No seu escrito, a promotora denuncia tamén que recentemente pagou o Imposto de Bens Inmuebles (IBI) da urbanización da Barrosa malia que non se lles concedeu a licenza de primeira ocupación ata o ano 2016. Mantuano reitera a súa petición nun momento especialmente complicado para o Concello, que deberá pagar este ano 2,7 millóns por outras losas urbanísticas: a primeira cota do préstamo de 12,5 millóns de Fadesa e parte do canon indebidamente gastado de monte Piñeiro.