Un camión rompe a tubería xeral e deixa Cesuras sen auga

O alcalde de Oza-Cesuras e Beatriz Mato

Desde as seis da tarde do pasado venres ata a madrugada do sábado ao domingo , os veciños de prácticamente todo o núcleo de Cesuras permaneceron sen subministro de auga nas súas vivendas por mor da rotura da tubería xeral causada por un camión.

Desde o Concello de Oza-Cesuras cren que foi o peso dun camión de transporte de madeira, ao baixar as patas hidráulicas xusto nun lugar na parroquia de Dordaño no que estaba, soterrado, o punto de unión do tubo (mediante tornillos), o que produciu a rotura, por mor da presión.

Por esta presión a tubería abriuse e baleirou totalmente o depósito do auga, un problema que se detectou sobre as seis da tarde do pasado venres. Media hora despois xa estaban traballando no lugar uns operarios, que permaneceron alí ata a unha da madrugada. Con esta primeira reparación xa regresou a auga a todas as vivendas das zonas máis baixas de Cesuras (non afectou ao núcleo de Oza) sobre a unha da madrugada pero quedou un 15% das casas sen recuperar o servizo. Xunto a esta rotura tamén se produciu outra ao mesmo tempo, nunha tubería máis pequena e que non impediu o subministro.

A conselleira Beatriz Mato visitou Oza-Cesuras en xullo de 2016, o día que se licitó por 750.000 euros a mellora da rede de auga en Cesuras, que se anunciou que estaría finalizada no verán de 2017 pero aínda se realizan os últimos detalles. Esta obra inclúe a renovación dunha rede de máis de trinta anos con moitas deficiencias, a ejecución dunha nova captación e a construción dun bombeo e segundo o goberno esta a piques de estar rematada. A xestión do servizo de auga e sumidoiros de Cesuras está en proceso de concesión a unha empresa privada.