Todos os concellos da comarca reciben a subvención da Deputación para contratar animadores culturais agás Oza-Cesuras e Curtis

Pablo González Cacheiro (PP) é o alcalde de Oza-Cesuras

O pasado día 6 de xuño a Deputación provincial publicou no BOP a resolución pola que se conceden as subvencións aos concellos para contratación de persoal técnico en xestión cultural e/ou animación sociocultural, durante o ano 2018. Os únicos que non solicitaron esta axuda foron Oza-Cesuras e Curtis. O Concello de Oza-Cesuras, primeiro concello fusionado, que pasa agora dos 5000 habitantes non solicitou tampouco a axuda da deputación para contratar animadores deportivos que se resolveu tamén a pasada semana como informou xa este xornal.

Chama a atención que despois de mesmo facer unha concentración con megafonía diante da Deputación e por pancartas nas pontes solicitando fondos da Deputación e do Estado pola fusión de concellos, agora o concello de Oza-Cesuras non solicite estas subvencións da Deputación provincial.

Tampouco recibirá a axuda da Deputación para a escola e banda de música

O Concello tampouco solicitou axuda da Deputación para manter a escola e a banda de música, axudas que tamén se resolveron estes días e que suporán uns ingresos de 9000 euros para os concellos de Abegondo e 18000 para Betanzos, entre outros.