Todos os concellos da comarca agás Bergondo, Coirós e Oza-Cesuras contratan técnicos deportivos co apoio da Deputación

Valentín Formoso (PSOE) e Goretti Sanmartín (BNG), presidente e vicepresidenta da Deputación

O Boletín Oficial da Provincia publicou onte a concesión definitiva das subvencións que concede anualmente a Deputación da Coruña para a contratación de persoal técnico deportivo nos concellos da provincia. Este ano, 79 concellos en toda a provincia contratarán ou manterán no seu cadro de persoal a técnicos deportivos municipais grazas ao apoio económico da Deputación, que achega un total de 979.925,40 euros para financiar este programa. Na nosa comarca todos os concellos agás Bergondo, Coirós e Oza-Cesuras recibirán achegas para manter este persoal.

Os concellos poderán contratar a graduados universitarios en Ciencias da Actividade Física e o Deporte ou a técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas. O deputado responsable da área de Deportes, José García Liñares, destacou que “con este programa perséguense dous obxectivos”. Por unha banda, “contribuír á creación de postos de traballo na provincia”, facilitando que os concellos contraten persoal cualificado, e por outra, “fomentar a práctica de actividades deportivas”, especialmente entre a mocidade e as persoas maiores.

Asemade, a liña de axudas da Deputación permitirá desenvolver programacións deportivas estables e homoxéneas, durante todo o ano e en todos os concellos da provincia, independentemente do seu tamaño.