Sufocan un incendio nunha nave de Rodeiro tras unha noite de traballo

Os bombeiros de Betanzos tiveron que intervir

Os servizos de extinción traballaron arreo durante toda a noite para apagar un lume nunha nave en Rodeiro, no municipio de Oza–Cesuras. Segundo informa o 112, pasadas as 07:00 horas desta mañá os Bombeiros de Betanzos comunicaban que se tratou dunha nave na que se almacenaba maquinaria e moita palla. Ardeu o interior do inmoble na súa totalidade, dúas plataformas de tráileres, dous tractores e moita palla. A estrutura do inmoble non se viu afectada, sen embargo, si afectou ao tellado de uralita.

Eran as 18:50 horas da tarde pasada cando o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu a chamada dun alertante. Indicaba que vían lume nunha palleira pero non sabían o que ardía.

Unha noite de traballos

Nada mais recibir a alerta, o CIAE puxo en marcha un operativo no que ademais dos Bombeiros de Betanzos, participaron os efectivos do GES de Curtis e os membros de extinción de Ordes. Así mesmo, solicitouse desde o CIAE a colaboración dos axentes da Garda Civil e do persoal do Concello, que mobilizaron unha pala para remover a palla que había acumulada a fin de evitar a combustión.

O lume quedou totalmente extinguido durante a noite, na que as baixas temperaturas rexistradas non colaboraron na extinción.