Sete zonas húmidas deficientemente protexidas, o tesouro descoñecido da comarca

O Mandeo

O 2 de febreiro de 1971 asinábase na cidade iraní de Ramsar a Convención Relativa ás Zonas Húmidas de Importancia Internacional especialmente como Hábitat de Aves Acuáticas, chamada de forma abreviada convención de Ramsar ou Convención sobre as Zonas Húmidas. É un tratado internacional sobre a conservación e a utilización responsábel das zonas húmidas e os seus recursos, que protexe toda a biodiversidade das zonas húmidas. En conmemoración da data de sinatura deste tratado, estableceuse o 2 de febreiro como Día Internacional das Zonas Húmidas, unha celebración que ten como obxectivo a organización de diversos actos dirixidos a aumenta-la sensibilidade dos cidadáns cara os valores medioambientais das zonas húmidas e os beneficios ecolóxicos, económicos e sociais que representan.

Co gallo do Día Internacional das Zonas Húmidas damos un repaso ás principais zonas húmidas da comarca, para coñecer a súa ubicación, estado e grao de proteción.

O complexo Mandeo-Ría de Betanzos, o LIC da comarca

Vista da Ría debaixo da ponte da autoestrada

A ría nace na cidade de Betanzos, como consecuencia da desembocadura conxunta dos ríos Mendo e Mandeo. Discorre entre marismas e xunqueiras durante uns oito quilómetros, para ampliarse notablemente a partir de entón, e acabar uníndose á ría de Ares no cabo coñecido como Punta Carboeira. Ademais dos mencionados ríos, desembocan nas súas augas o Lambre e o Baxoi, ambos pola súa marxe dereita.

O río Mandeo, que conforma a ría e o principal val das Mariñas, nace no Marco das Pías na vertente occidental do Alto dos Moscós, a uns 700 metros de altitude e preto do lugar do Mandeo. Atravesa os concellos de Sobrado, Curtis, Aranga, Irixoa, Coirós, Paderne e Betanzos. Forma a ría de Betanzos xunto co río Mendo.O afluente principal do río Mandeo é o río Deo. Xúntanse entre os concellos de Curtis e Aranga, na Castellana. Os outros afluentes son: Portos, Lombaos, Dombrete, Ramalleiro, Lentemil, Portabenzos e Zarzo.

Desde 2001 están protexidos pola Rede Natura, calificado como Lugar de Importancia Comunitaria de Betanzos-Mandeo. É é espazo que abrangue 1.020 ha dos concellos de Aranga, Abegondo, Betanzos, Coirós, Irixoa, Miño, Paderne e Oza-Cesuras por onde atravesa boa parte do río Mandeo, rexión onde se conservan as tradicionais fragas de ribeira e as marismas na desembocadura do río.

O seu estado de conservación é regular, dependendo do tramo que se analice. Verquidos industriais, fugas de redes de saneamento, puríns ou vertedoiros son algúns elementos que prexudican a calidade das augas, facendo que ningún tramo teña un estado ecolóxico bo no que á calidade das augas se refire. Ademais, a proteción da Rede Natura só é para o propio curso de auga do río e seis metros a cada beira, o que deixa fóra do ámbito de proteción realmente todo o valor ecolóxico do ecosistema.

Para maior desgraza, numerosas especies invasoras poboan as beiras do Mandeo e da ría ao longo do seu curso: eucaliptos, mimosas, acacias negras, falsas acacias, herba da Pampa, tradescantias, visón americano, tartaruga de Florida…. son prantas e animais que fan mella nun espazo natural onde reside a rarísima escribenta das canaveiras iberoocidental, o mexilón de río e o salmón atlántico, picapeixes e garzas de varias especies (real, imperial, ave touro, branca…), o sapoconcho común ou a lontra, por dar algúns exemplos.

A presión humana é unha constante en todo o trazado, sobre todo no entorno da cidade de Betanzos, que atravesa. Recentemente ven de se parar un proxecto de paseo pola beira do Mandeo que podería danar irreparablemente o carrizal máis interior do complexo húmido, en San Xiao, onde reside precisamente a escribenta.

O encoro de Abegondo-Cecebre, o ZEC da comarca

Encoro de Abegondo

O Embalse de Abegondo-Cecebre é un rico ecosistema creado por un embalse construído en 1975 para abastecer á cidade da Coruña na confluencia dos ríos Barcés e Mero, protexido como Lugar de Importancia Comunitaria desde 2006 e reclasificado como Zona de Especial Conservación (ZEC) en 2014. O espazo natural ten unha extensión de 493,41 hectáreas e esténdese polos municipios de Abegondo, Betanzos, Cambre, Carral e Oza-Cesuras.

Os seus bosques de ribeira, estanques temporais e lagos eutróficos son o hábitat de numerosas especies de aves, réptiles e mamíferos. A profundidade media non supera os 5,9 metros, con grandes áreas de augas pouco profundas. A anchura máxima da presa atópase na ladera do río Mero, mentres que o nivel de inundación máis alta alcánzase ao final do inverno e na primavera. As seccións dos ríos incluídos no LIC tamén cobren aproximadamente 4,9 km do río Barcés e 3,8 quilómetros do río Mero destaca pola conservación do bosque preto das costas nativas.

Cobras lagarteiras e de coar, a escribeira das canaveiras, azores, carrizos, varias especies de falcón, becacinas, martinetes, varias especies de morcegos, armiño, aguaneiros, lontras ou ou narciso de auga son algunhas especies que habitan este ecosistema xurdido dun encoro para dar de beber á Coruña non remate do franquismo. Teñen que enfrontar especies invasoras, destacando ou cangrexo de río americano, que ten acaparado portadas dous informativos pola súa rápida expansión.

Un ENIL para dar continuidade ao ecosistema do encoro

O espazo natural de interese local “Ribeiras do Mero-Barcés”, no Concello de Abegondo, declarouse o 25 de outubro de 2016. A declaración será provisional durante un período de dous anos e durante ese prazo de tempo, o Concello deberá elaborar un plan de conservación que terá que ser aprobado pola Xunta de Galicia como requisito previo para a súa declaración definitiva como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

Este espazo natural contribúe a preservar diversos hábitats de interese comunitario, como os bosques de ribeira de ameneiros e prados de sega, así como bosquetes de carballeiras, castiñeiros, ameneiros e bidueiros situados en torno aos ríos. O novo ENIL colinda cos límites da Zona de especial Conservación (ZEC) “Encoro de Abegondo-Cecebre”, espazo natural protexido que forma parte da Rede Natura 2000, polo que coa declaración favorécese, non só a conservación destes hábitats, senón tamén a conectividade ecolóxica entre espazos ao actuar como verdadeiros corredores verdes conectando ecoloxicamente o territorio.

As Brañas de Sada, protección cando a bordeen os edificios

Encoro de Abegondo

Catalogadas no Inventario de humidais de Galicia, a zona húmida que a vila de Sada rodea e parece querer afogar naceu da extracción de barro para varias telleiras que, durante décadas, elaboraron ladrillos e tellas en torno aos regos da Ponte e Maior, actualmente canalizados baixo os edificios da localidade. Acolle varias especies ameazadas, como aves rapaces, varias especies de parrulos e garzas, entre outras. O ecosistema mestura fraga de ribeira de salgueiros, amieiros e sabugueiros con xunqueira e carrizais nas súas cinco hectáreas de terreo.

A principal ameaza, os recheos e construcións no seu ámbito, seguindo un cronograma de colonización moi definido: á piscina e a escola infantil nun primeiro momento nos 90, seguidas do parque e o velódromo e uns cantos edificios. Nunha segunda fase, toda a urbanización que leva o nome da zona húmida ocupada, con edificios que acabaron sendo a zona máis cara de Sada, xunto ao porto. Contra 2004 foi a terceira fase do recheo, ocupando a parcela libre que agora se emprega como aparcamento, onde o PP pretendía levantar outro colexio nun recheo que paralizou o BNG. O PXOM que a Xunta ven de exixir modificar, aprobado polo goberno de En Marea, prevé un cuarto recheo para pechar a traseira da avenida Barrié de la Maza co que o concelleiro de urbanismo define como unha “sorte de cidade xardín” que supón unha nova urbanización paralela á estrada cara A Coruña ocupando outro anaco das brañas con máis pisos e vivendas unifamiliares.

No entanto, a declaración como ENIL iniciada hai tres anos está en suspenso. O goberno local de Sadamaioría adía agora a proteción da zona húmida á aprobación do PXOM e difire as medidas de proteción a “ver a fórmula para ir dando pasos cara á adquisición de terreos”.

As ampliacións da Rede Natura que non chegaron: as zonas húmidas sen proteción

Tres zonas húmidas da comarca quedaron sen proteción ao non se aprobar a ampliación da Rede Natura. Todas teñen hábitats singulares e prioritarios, que, ao parecer, non preocupan en exceso a concellos e Xunta.

Marisma do Baxoi: a ameaza do urbanismo descontrolado

A praia grande de Miño e o esteiro do Baxoi

A ría que forma o Baxoi na súa desembocadura na praia grande de Miño inclúe un estuario de excepcional valor para a conservación. Alberga varios ecosistemas singulares, desde as dunas da praia a carrizais e matogueiras costeiras. Nas súas 93 hectáreas acolle aves migratorias que fan recalada en Miño e unha importante colonia de aves acuáticas, ademais de outras especies asociadas ao areal.

A catalogación como LIC deste humedal inventariado foi unha vella reivindicación dos ecoloxistas e partidos políticos, que pretendían salvar o espazo dunha macrourbanización no colindante Monte Piñeiro, onde o goberno local do PP pretendía construír máis de 700 vivendas practicamente pegadas á marisma. O estuario do Baxoi xa ten soportado numerosas agresións, como a construción do recheo para a saída da autoestrada, urbanización de brañas colindantes, os problemas de saneamento estival da localidade, os periódicos recheos do areal…

A lagoa de Sobrado, de represa de frades a ecosistema privilexiado

O antecedente do encoro de Cecebre hai que buscalo na comarca en Sobrado, onde os monxes do mosteiro, entre 1500 e 1530, represaron varios afluentes do Tambre para ter auga corrente no cenobio e mais rega para os prados, forza para os muíños e criadeiro de troitas para afrontar a privación de carne imposta pola Igrexa.

Cinco séculos despois, a represa está rodeada de prados e dun bosque caducifolio de bidueiros, ameneiros, freixos, carballos e sabugueiros. Na auga abonda o ambroíño de río e a espiga de auga, formando extensas masas flotantes no verán. A lámina de auga cobre unha superficie aproximada de 10 hectáreas, con escasas variacións estacionais, e acada un máximo de 4,5 m de profundidade, sendo a media de tan só 1,5 m. Acolle bandadas de aves migratorias e permite a súa invernada no noso país, constitúe o arranque do corredor ecolóxico que forma o río Tambre e serve de conexión coa bacía do río Mandeo, que nace a pouca distancia nas inmediacións do mosteiro.

Dende o punto de vista botánico é un lugar de interese singular e de importancia europea pola diversidade da súa flora. Evidentemente, son as aves acuáticas o que máis chama a atención, especialmente no inverno, cando os lavancos e as cercetas forman grandes bandos, se ben ten numerosas especies asociadas á auga, como varias especies de anfibios e réptiles en regresión, varias especies de garzas, aves rapaces e parrulos, lontras, teixugos. Ameázana tartarugas e visóns americanos, que a custodia da Fundación Fragas do Mandeo- a propiedade é do mosteiro- procura ter a raia.

Malia esta riqueza a lagoa carece dunha figura de protección específica. Tamén quedou fóra da Rede Natura tras a frustrada ampliación. A veda a caza e pesca é a figura de proteción máis detallada que ten.

As brañas do Deo, de turbeiras a eucaliptal

As brañas do Deo, formadas por este afluente do Mandeo, son outra zona húmida asociada á grande arteria fluvial da comarca. Repártense polos de Curtis, Aranga, Oza do Ríos e Cesuras. Foi proposta como LIC en 2012 dentro da ampliación da Rede Natura, que nunca chegou a aprobarse. Componse de brañas, fragas de ribeira do Deo, turbeiras e queiroas, xuntando varios ecosistemas únicos nun espazo de interese natural que xa ten serios problemas de conservación a causa da proliferación de eucaliptais no seu entorno, pola drenaxe que supón.

Agora está ameazado, ademais, polo plan do goberno local do PP de reclasificar o 9% do seu territorio municipal para reconvertir 1300 hectáreas de solo rústico de especial protección de espazos naturais como solo rústico forestal. O plan afecta a zonas núcleo e tampón da Reserva da Biosfera, abranguendo 944 hectáreas en Vilarraso, 284 en Fervenzas e 100 na zona de Aranga, nas que hai un total de nove zonas húmidas incluídas no inventario de Galicia, nas que vive un fento acuático en perigo de extinción, ademais de outras especies ameazadas como unha rá, un ave rapaz e outras especies protexidas pola Unión Europea.