Segunda concentración para reclamar unha pasarela peonil diante do CFEA en Guísamo

Onte celebrouse unha nova concentración para esixir ao Ministerio de Fomento que instale unha pasarela peatonal na estrada N VI, fronte ao Centro de Formación Agroforestal de Guísamo.

Os manifestantes cortaron o tráfico e mostraron pancartas nas que reclamaban poder cruzar “sen riscos e con seguridade” e advertían a Fomento de que continuarán “insistindo”. Os convocantes da protesta -veciños, comunidade escolar e empresarios- prevén outras dúas novas concentracións no mesmo punto este mes, os días 18 e 25.

Incidirán no “risco” para a seguridade que supón cruzar a esa altura da estrada nacional, na que existen dúas paradas de autobús “moi transitadas”. A concentración estivo apoiada polo goberno local, polo BNG e por membros de VB.