A Xunta impulsa a declaración do Museo Carlos Maside como Ben de Interese Cultural

Museo Carlos Maside

A Consellería de Cultura anunciou o inicio dos estudos previos necesarios para proceder á incoación da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) do Museo Carlos Maside “debido ao carácter destacado para o noso patrimonio cultural”, segundo informou o Concello de Sada. Este anuncio prodúcese “tras dous anos de traballo do Goberno municipal en busca da distinción de BIC para o complexo do Castro”, apunta o Concello sadense. Recorda que o pleno aprobou en 2015 co voto en contra do PP instar á Xunta a declarar BIC a fábrica de cerámicas O Castro.

Para iniciar as actuacións, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural valorará a situación actual da museografía do museo e analizará as necesidades arquitectónicas e de conservación do edificio. Despois, convocará unha reunión coas partes implicadas.

O Museo de Arte Contemporánea ‘Carlos Maside’ xorde en 1970 ante a necesidade de recoller a obra e a documentación dos artistas da xeración dos anos trinta, ampliando posteriormente os seus obxectivos como testemuña da creación artística contemporánea galega. O museo atópase nun complexo arquitectónico que acolle ademais a fábrica de Cerámicas O Castro, un edificio destinado a mostra de cerámica, librería, e unha sala de exposicións temporais; o máis característico é o edificio do museo, formado por módulos hexagonais distribuídos en torno a un módulo central. O edificio foi proxectado por Andrés Fernández-Albalat.

A exposición repártese nas tres plantas do edificio. Expóñense as obras de Castelao, xerme do Movemento Renovador, e obras de outros artistas como Maruja Mallo, Francisco Lloréns, Xesús Corredoira, Francisco Asorey, Arturo Souto etc; e dos Renovadores, con obras de Laxeiro, Colmeiro, Maside ou Luís Seoane. Xunto a eles atópanse as obras de figuras singulares como Eugenio Granell e Urbano Lugrís. Poden contemplarse nesta mesma planta obras de artistas de Vangarda coma os pertencentes ó grupo Atlántica. Finalmente, a última planta está dedicada ao debuxo humorístico.

Pese á importancia do patrimonio que garda, o museo permaneceu pechado ao público varios anos e co seu contido en risco de degradarse ata a súa reapertura a finais de 2017 a través dun convenio da Deputación da Coruña.