A SGHN denuncia ao Concello de Sada polas obras nas Brañas

Unha vista das brañas de Sada

A Delegación de As Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) ven de presentar diante da directora de Augas de Galicia un escrito denunciando as obras que se están a levar a cabo na zona das Brañas no concello de Sada denominadas: “ Substitución das redes de auga, saneamento e pluviais e reurbanización da rúas Cambre, Culleredo, Abegondo e avenida da Coruña, na zona das Brañas de Sada en Sada (A Coruña)”. No citado escrito a SGHN pide a paralización temporal das citadas obras pola previsión de vertidos de augas pluviais de cinco rúas da contorna das Brañas cara a unha das lagoas do humidal catalógado das Brañas de Sada.

“Nese mesmo punto de vertido tamén se bombea a auga pluvial recollida nun tanque de tormentas que se vai construír preto das Brañas” explican desde a entidade ecoloxista. A SGHN considera que se debe modificar a execución do proxecto para evitar o vertido dos colectores de pluviais e do tanque de tormentas cara ao humidal das Brañas de Sada.

As augas pluviais son de mala calidade con contaminación por diversos produtos de arrastre (hidrocarburos, pesticidas, fertilizantes, produtos de limpeza, etc) que non fan aconsellable dirixilos para unha zona que o propio concello de Sada solicitou á Xunta de Galicia como ENIL (Espazo Natural de Interese Local). A pesar de que Augas de Galicia deu autorización ás obras en xaneiro de 2018 resulta escandaloso que se autorice un proxecto que non cumpre as Instrucións Técnicas para Obras Hidráulicas de Galicia (ITOHG) que indican, entre outras cousas, dentro das Técnicas de Drenaxe Urbana Sostible(SAN-1/4) que se deben protexer das escorrentías de pluviais aquelas masas de auga que a Directiva Marco da Auga (DMA) cataloga como sensibles entre as que están as zonas de protección de hábitats ou especies, como no caso do humidal das “Brañas de Sada”.

O concello de Sada promoveu a participación cidadá a través dos Consellos Sectoriais e en maio de 2017 se constituíu o Consello Sectorial Ambiental. Realizáronse dúas reunións deste Consello dende setembro ata fin de ano de 2017, xusto cando o proxecto xa estaba redactado. En ningún momento o alcalde de Sada ( asistenre ás reunións ) informou deste proxecto para recoller as opinións dos participantes deste órgano de participación cidadá. Só se informou en febreiro de 2018 cando xa contaba co informe favorable de Augas de Galicia.

“É bastante incongruente que o concello de Sada realice o esforzo de solicitar un ENIL para este espazo natural das Brañas de Sada, que aínda está pendente de aprobación, e ao mesmo tempo proxecte vertidos contaminantes na mesma zona” reproban. Se Sada quere ser un concello que dea exemplo ambiental dentro da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo esta obra non é unha boa actuación.

“As Brañas de Sada e un espazo a protexer e conservar polos seus valores naturais, e non o podemos converter simplemente nunha depuradora de augas pluviais con contaminantes” engaden. A Delegación das Mariñas da SGHN leva máis de 12 anos pelexando pola protección das Brañas de Sada e esperamos que Augas de Galicia reconsidere a súa postura sobre estas obras que está levando a cabo o concello de Sada.