SadaMaioría avala cun informe externo a súa pretensión de tirar o Náutico

Imaxe aérea de Sada, co Náutico en primeiro termo

O informe encargado a un asesor externo polo alcalde de Sada veu avalar a posición deste último. Sadamaioría enfatiza que o dictame pedírono a un asesor externo ante a ausencia do secretario da corporación por “baixa temporal” pero que os papeis aseguran que “a proposta de acordo presentada polo alcalde axústase á legalidade”.

A Marea reitera que o informe que encargou indica que a demolición “é obrigada por sentenza” e a institución municipal “ten que executala”, con advertencia de “responsabilidades penais” de non cumprir o dictame polo que, de acordo co indicado, “o que toca agora é executar a sentenza, e iso non admite nin escusas nin tácticas dilatorias”, insiste a marca local de En Marea.

O partido do alcalde arremete contra o PP e o BNG, socio de goberno de SadaMaioría. “Contrariamente ao indicado por PP e BNG; a demolición debe executarse, aínda que o fallo da sentenza que anulou o proxecto constructivo non o declare expresamente” sentenzan desde a Marea. Sobre as propostas de PP e BNG, contrarios á derriba total, afirma que “coinciden nun só obxectivo: evitar que se aprobe a proposta da Alcaldía, e que siga pendente a ececución dunha sentenza que adquiriu firmeza fai 18 anos”.

O BNG reprobara a SadaMaioría que rompense o consenso de todas as forzas da esquerda sadense, que compartiran o proxecto de cumprir a sentenza que reducía a edificabilidade do Náutico e darlle usos públicos. Así as cousas, a Marea pactou co PDSP de Ramón Rodríguez Ares a demolición total do edificio de titularidade municipal.