A Marea opta por incrementar a tensión e denuncia a PSOE e BNG por non votarlle o derrubo do Náutico

Benito Portela (Sadamaioría) é o alcalde de Sada

O alcalde de Sada, da Marea, remitiu onte un oficio ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para aportarlle copia da certificación do acordo plenario que deixou sobre a mesa cos votos do PP, BNG e PSOE a proposta de habilitar unha partida de 206 000 euros para proceder á demolición total da cafetería O Náutico.

A marca local da Marea remitiu asemade un comunicado de prensa no que denuncia que pretendía “executar unha sentenza que leva 18 anos pendente” pero que “foron os votos de BNG, PSOE e PP os que impediron que prosperase a proposta de Alcaldía” para “dar un primeiro paso para a ejecución material da sentenza”.

A formación dá o paso tras enviar só un día antes un comunicado da asemblea de Sadamaioría no que informaba que volverá elevar o asunto ao pleno cos informes solicitados por BNG e PSOE sobre a existencia ou non de vías que permitan legalizar parcialmente este edificio público. Sadamaioría mantén que a sentenza de 1999 obriga á demolición total desta cafetería construída durante o mandato de Ramón Rodríguez Ares e cuxo proxecto constructivo foi anulado pola Xustiza.

O fallo, en realidade, ordena adaptar o edificio á edificabilidade que para o predio autorizaban as normas subsidiarias vixentes naquela altura. O actual PXOM, aprobado neste mandato, deixa fóra de ordenación o conxunto do edificio situando sobre el unha parcela libre.