A Marea non se atreve a acordar o derribo do Náutico co único apoio do PDSP

Imaxe aérea de Sada, co Náutico en primeiro termo

Noventa minutos de tensión e reproches serviron para que finalmente a Marea sadense non se atrevese a acordar o derrubo do Náutico co único aval de PDSP, o partido de Moncho, creador do edificio municipal controvertido e inhabilitado precisamente por non adaptalo ás normas urbanísticas tras ordenalo a Xustiza hai case 20 anos.

Cun informe externo que lle daba a razón para presionar aos seus socios do tripartito, SadaMaioría subiu nas últimas xornadas o tono das descualificacións singularmente contra o BNG, e onte repetiu o guión, acusando ás forzas coas que comparte goberno de “intoxicar”. Para a marea sadense, que ocupa a alcaldía con Benito Portela, é necesario “recuperar un espazo degradado” nunha contorna “privilexiada” e recordou que a lei non permite modificar o plan xeral para esquivar unha sentenza. “Hai que demoler, o resto son ocorrencias e urxencias electorais”, denuncian. Singular foi a pulla ao PP, agora emperrado en adaptar o edificio ás normas subsidiarias como ordenaba a sentenza, e que non hai moito acusaba ao rexedor de ser incapaz de demolelo. “Tarde, mal e a rastro”, segundo o líder, candidato e exalcalde do PP, Ernesto Anido.

O BNG logrou o apoio do PSOE e do PP á súa petición de deixar sobre a mesa para mellor estudo a proposta dos seus socios de Sadamaioría de habilitar unha partida de 206.000 euros para proceder á derriba total deste edificio de titularidade municipal. A voceira nacionalista, Isabel Reimúndez, acusou a Sadamaioría de tomar a decisión de forma “unilateral”. “O Náutico non se tira por unha sentenza, tírase por unha decisión política”, replicou a edil, que apelou a un informe de Secretaría de 2010 contrario á derriba total da cafetería ao entender que se trataba dunha “medida extrema” que requiría a “absoluta diverxencia do construído e a realidade”, caso que non se daba no momento do fallo. Reimúndez recalcou que O Náutico é agora un edificio “100% público” e reclamou que o asunto quedase sobre a mesa a expensas de informes que aclaren si é posible ou non a legalización parcial para uso da cidadanía.

O BNG criticou aos seus socios por requirir un informe externo e non esperar ao do secretario (de baixa). Pese ás súas reiteradas chamadas ao consenso, Reimúndez non aforrou reproches cara aos seus socios, aos que acusou de modificar o PXOM para eliminar a posibilidade de equipamientos deportivos, culturais ou sociais e permitir só “un vater, un quiosco ou un bar”. “Ocultóusenos o cambio. Dóeme no corazón pensar que Sadamaioría maquinou para a demolición total”, criticou a concelleira, que pediu “cordura” e sostivo que o histórico Manolo Crisanto, o concelleiro xa falecido que puxo a denuncia en 1989 e cuxa memoria invoca SadaMaioría para botar abaixo o edificio, nunca quixo a demolición total.

O PSOE, na mesma liña, pediu informes que aclaren se a derriba tiña que ser total e se debía executarse neste mandato. “Non concibimos tirar un edificio público para facer máis xardín”, argumentou María Pardo, que acusou aos seus socios de ocultar información sobre o PXOM. “Entendemos que foi un erro, porque non concibimos unha deslealdade así nun socio de goberno”, advertiu a edil, que se aferrou tamén ao informe de 2010 de Secretaría contrario á derriba total.

O PDSP atacou na súa quenda ao PP por pagar 37.000 euros por rescatar esta cafetería e avanzou que denunciará nos xulgados a Anido por deixarlles un “pufo” de 400 000 euros.