A Comisión pola Memoria pide unanimidade para botar do Pazo aos Franco

Ocupación simbolica de Meirás polo BNG

A presentación do informe da comisión de expertos da Xunta abre o camiño á aprobación dunha iniciativa no Parlamento para instar ao Estado a interpoñer unha demanda civil que permita recuperar o pazo de Meirás. PSOE, En Marea e BNG manifestaron xa o seu apoio á estratexia que suscitan os expertos, salvo no relativo a considerar aos Franco posuidores de boa fe, o que abriría a porta a unha indemnización. O PP, máis comedido, avanza que os servizos xurídicos de Patrimonio do Estado deberán “analizar con toda seriedade o informe para levar a cabo as accións legais” precisas, aínda que confía en que se tomen medidas ante un documento “moi sólido, ben construído e argumentado”, en palabras de Pedro Puy.

A Comisión pola Recuperación da Memoria histórica celebrou onte un ditame que confirma que o pazo de Meirás foi utilizado como residencia oficial. “Franco só mandaba pagar a contribución, o resto: facturas, gastos e ata o expolio do mesmo, correu a cargo do pobo de Galicia”, incide o colectivo. A Comisión pide agora unanimidad ao Parlamento para “finalizar coa impunidade do franquismo” e “botar fora do pazo á familia Franco”. “É a hora de recuperar o que é do pobo” , insta a asociación.

O BNG REXEITA A INDEMNIZACIÓN Á FAMILIA FRANCO

O deputado nacionalista Luís Bará puxo onte énfase no malestar do BNG no aspecto recollido no informe sobre a posibilidade de indemnizar á familia Franco  polos gastos derivados “do desfrute e goce desta residencia durante 40 anos”. O BNG, reitera Bará, considera que a situación debería ser inversa, e dicir, “a familia Franco debe resarcir ás arcas públicas polo desfrute duns bens espoliados e roubados”. Sobre estes bens, explica o deputado, é probable que se deran transaccións e beneficios para a familia Franco. Esta cuestión debe ser, en opinión do parlamentario do BNG, resolta pola administración do estado porque conta cos mecanismos e resortes necesarios con base nestes informes.

Por outra parte, na proposta de lei que está a tramitar o Congreso dos deputados, a instancias do PSOE, debe incluírse a devolución do Pazo e outros bens que na actualidade están baixo o dominio e desfrute da familia Franco.

O deputado avanza  que o BNG promoverá a lei galega de Memoria histórica que recolla a actual situación do Pazo de Meirás e a súa devolución ao pobo galego.