O BNG abre a man a apoiar a demolición do Náutico se o solar acolle equipamentos

Isabel Reimundez lidera o BNG de Sada

A vontade de diálogo que a Marea sadense non está a ter no asunto do Náutico, coa denuncia á Xustiza do resultado da votación plenaria para habilitar fondos para tirar co Náutico como último episodio, púxoa onte enriba da mesa o BNG, socio de goberno de SadaMaioría.

Os nacionalistas deron un paso adiante para achegar posturas ofrecendo un punto de encontro á Marea: apoiar a derruba sempre que se corrixa o PXOM e a parcela acolla equipamentos públicos. “O BNG sempre traballou para evitar a demolición total; lamentablemente, ese traballo mudou de rumbo, dado que Sadamaioría decidiu romper o consenso de todos os grupos progresistas que tivo Sada”, sostén a formación, en alusión ás condicións que fixa agora o plan xeral, que obrigan á derriba íntegro do edificio.

Os nacionalistas puxeron onte sobre a mesa unha “proposta en positivo” para “cumprir a sentenza” e “evitar a frustración de ver como se tira un edificio de todos”. “Debemos demostrar que somos capaces de repoñer no seu lugar algo mellor”, abogan nun comunicado remitido aos medios no que propoñen construír un museo do mar, un espazo “multidisciplinar” con capacidade para unhas cen acodes que acolla charlas, cursos e “calquera acto social, cultural ou deportivo”. “Tamén podería utilizarse como espazo onde cantantes e grupos locais poidan levar adiante un calendario de concertos”, sosteñen.

Fondos do Grupo de Acción Costeira para financialo

O grupo que lidera Isabel Reimúndez sostén que o acondicionamento deste edificio non terá ningún custo para o Concello dado que podería executarse con cargo ás axudas para investimentos non produtivos que xestiona o Grupo de Acción Costeira Golfo Ártabro Sur. “Dispón dun orzamento de catro millóns de euros dos fondos europeos e da Xunta ata o ano 2020 para proxectos como este e, se a solicitude se fai en colaboración coa cofradía de pescadores, o financiamento podería ser do 100%”, destaca.

A formación admite que o plan xeral non permite actualmente un equipamiento deste tipo na parcela e insta a “corrixir” a normativa do documento urbanístico, que só recolle “aseos públicos, quioscos e bares terraza”. “Se houbese un acordo unánime, o BNG renunciaría a presentar a proposta en solitario para que pase a ser unha iniciativa do Concello de Sada, sen partidismos nin protagonismos”, inciden desde a formación, que advirte de que sería un “fracaso político” gastar 206 198 euros en “tirar unha propiedade de todas e todos”. “Sería un tremendo erro”, avisan.

A Marea opta por incrementar a tensión e denuncia a PSOE e BNG por non votarlle o derrubo do Náutico