Sada licita por 22.000 euros a pasarela para evitar os lodos da praia das Delicias

Pasarela flotante na praia das Delicias en Sada o pasado ano

O Concello de Sada licitou por 22.385 euros e procedemento aberto simplificado a instalación dunha plataforma flotante na praia das Delicias. A Xunta de Goberno local aprobou o pasado 5 de xullo o expediente de contratación, que establece que o valor estimado desta pasarela de cen metros de lonxitude é de 18.500 euros, aos que hai que sumar 3.885 euros de IVA.

A pasarela será similar á instalada o ano pasado e o obxectivo principal é permitir que os bañistas salven os lodos. A concellería de Cultura e Praias destaca que a plataforma está realizada con “materiais inocuos para o medio ambiente” e que ten un “mínimo impacto na contorna”. “A plataforma internarase na zona de intermareal permitindo achegarse á zona de baño sen ter que pisar os fondos de lodo”, recolle a memoria do proxecto a contratación. O Concello apela no documento aos “continuos atrasos” do proxecto de rexeneración da praia de Sada que, recorda, foi aprobado polo Estado en 2006.

Costas anulou por segunda vez a licitación dos traballos polas alegacións do dano ambiental que podería producir o mesmo presentadas por colectivos ecoloxistas, nomeadamente a Sociedade Galega de Historia Natural. O Concello de Sada manifestou o seu malestar pola suspensión dos traballos a pesar do posíbel dano ambiental e en contra dos criterios destes colectivos. O alcalde, Benito Portela (Sadamaioría), remitiu unha carta á ministra de Medio Ambiente, Teresa Ribeira, para solicitarlle unha reunión que permita “poñer en marcha unha folla de ruta que termine cunha actuación ambiental de rexeneración do areal”. O Executivo cre que é posible modificar o proxecto para reducir o seu impacto.