O PSOE levará ao Consello de Contas a situación de Miño coa débeda de Fadesa

Imaxe de Costa Miño Golf

A situación económica de Miño a causa da débeda de Costa Miño Golf parará no Parlamento como paso previo para que o Consello de Contas fiscalice as contas do municipio do Lambre. É o contido dunha iniciativa que presentaron onte o deputado Juan Díaz Villoslada e o portavoz socialista de Miño, Manuel V. Faraldo. Explicaron que a débeda provocada por esta controvertida macrourbanización abriu un inmenso buraco nas contas deste municipio de pouco máis de cinco mil habitantes, obrigado por sentenza a pagar máis de 14 millóns aos expropiados, aos que habería que sumar as leiras aínda pendentes de cuantificar e os intereses de demora, que poderían sumar nove millóns máis. Os socialistas estiman que, en total, a débeda rolda os 25 millóns.

A eles, haberá que sumar os xuros de demora dos pagos e dos créditos concedidos polo Estado para afrontalo. O PSOE recorda que a xestión desta macrourbanización foi “consentida polo apoio tácito e en ocasións explícito do Goberno autonómico” e lamenta que os veciños teñan que “pagar por moitos anos esta débeda” mentres que “ninguén asuma responsabilidades políticas e económicas”. O PSOE apunta á posible comisión dun delicto de administración desleal por anomalías como as de non esixir os avais a Fadesa. Villoslada destacou que a fiscalización das contas permitirá esclarecer responsabilidades e buscar alternativas de futuro para o municipio.

Require o apoio do PP

A iniciativa precisa, para saír adiante e instar a Contas a meterlle man a Miño, que o PP apoie a proposta. A dereita, que goberna en Miño desde a restauración da democracia e promoveu esta urbanización, ten maioría absoluta no Parlamento galego. Parece pouco probable que apoien a iniciativa. Mentres tanto, o PP e Ricardo Sánchez Oroza- o alcalde agora independente exconcelleiro do PSOE- promoven estes días retomar outra controvertida macrourbanización no Monte Piñeiro coa que, aseguran, pagarán parte dos pratos rotos de Costa Miño.