O PSOE asegura que é “inútil” o balizamento actual da praia de Miño

A praia grande de Miño e o esteiro do Baxoi

O PSOE miñense criticou nun comunicado o “incorrecto e inútil balizamento” da praia Grande da localidade debido a que as boias que se colocaron para marcar a zona de baño “chegan a quedar en seco en baixamares vivas como a destes días”. A sinalización indica o límite que non poden traspasar as embarcacións ao aproximarse á zona de baño, pero segundo o voceiro do PSOE na localidade, Manuel Faraldo, aínda sen mareas baixas, estas boias “apenas delimitan uns poucos metros de baño, de forma que é frecuente ver a adultos e pícaros excedéndoas, co conseguinte perigo de ser embestido por unha lancha”.

Segundo o PSOE, as boias que delimitan a canle de entrada reservada para os servizos de salvamento son tamén “inservibles para este fin con marea baixa, xa que rodan pola beira”. Urxe a recolocar todo o balizamento para evitar incidentes coma o acontecido en Mallorca o 28 de xullo, cando dous bañistas foron embestidos por unha lancha e resultaron feridos. “Estamos en tempada alta, coa praia chea, isto non pode esperar”, di Faraldo.