O programa “Eu son Paderne” promove a defensa do medio

Cesar Longo (PSOE) é o alcalde de Paderne

Mañá día 10 de agosto ponse en marcha o Programa “Eu son Paderne” para rapaces e rapazas de entre 15 e 18 anos do Concello. Entre os seus obxectivos está o de valorar o entorno no que vivimos a través do seu coñecemento e inculcar actitudes de respecto e protección incidindo na redución da pegada ambiental.

Esta primeira xornada estará centrada na Aula da Ría, os Muíños de Chantada, o Observatorio de Aves de Souto, incluirá un paseo por un tramo do Camiño Inglés e tamén unha visita ao antigo Punto de Inseminación e Ferradura do gando.

Desde as 10:00 ata as 18:00 h recorreremos todos os anteriores puntos de interese incidindo nos valores que defenden e no que representan para a nosa comunidade e o medio natural. Este Programa vai a centrarse nos coñecementos e alternativas prácticas para participar de xeito eficaz na prevención e solución dos posibles problemas medioambientais defendendo os valores do territorio a través dun voluntariado ambiental formado pola mocidade de Paderne comprometida coa súa terra.