Prende lume á súa casa en Paderne despois de discutir co seu fillo

Ao sinistro desprazáronse os bombeiros de Betanzos

Pouco antes das cinco da tarde do día de onte o 112 Galicia tivo coñecemento dun incendio na parroquia de Souto, concretamente no lugar de Gas, no concello de Paderne. Ata alí desprazáronse membros de Protección Civil do municipio, xunto a un camión cisterna, que se dispuxo a apagar o lume declarado en dúas habitacións da vivenda.

Os bombeiros de Betanzos acudiron ata o lugar dos feitos para axudar a sufocar as chamas xunto a varias patrullas da Garda Civil. De acordo con varias testemuñas, o incendio foi provocado por un home tras manter unha discusión co seu fillo. Como resultado, ambos tiveron que ser trasladados en ambulancia ata o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), onde foron atendidos por feridas leves.

En concreto, o que resulto máis afectado foi o pai, que presentaba queimaduras nos nocellos, aínda que o seu estado non era grave. O caso está en mans da Policía Xudicial de Betanzos, que continúa traballando para esclarecer a orixe do conflito e a forma na que se orixinou o lume na vivenda, que aparentemente non sufriu danos de consideración.