O PP presenta aos seus candidatos na comarca, con Fafián en Bergondo como sorpresa

Fafián, candidato do PP en Bergondo, e a alcaldesa, Alejandra Pérez (PSOE), cando selaron o seu pacto no ano 2011

O PP abriu onte a longa precampaña das eleccións municipais co acto de presentación dos seus candidatos na comarca no Alfonsetti. O evento contou coa prepsenza do presidente provincial, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e o vicesecretario de organización do territorio, Evaristo Ben.

A tónica xeral é que todos os rexedores e voceiros conservadores repiten, con dúas excepcións: o relevo de José Ángel Rodríguez en Betanzos, onde haberá remuda pola actual directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez. E sorpresa en Bergondo, onde o PP trata de poñer fin a anos de convulsións e golpes internos colocando no seu cartel a Manuel Fafián, que hai anos protagonizara unha sonada escisión coa creación de Veciños por Bergondo e que mesmo chegou a ser socio de goberno do PSOE.

O PP opta por manter en Sada ao betanceiro Ernesto Anido, aínda  imputado por presunta prevaricación na súa etapa de alcalde sadense. E mantén tamén a Santiso Miramontes como cartel en Abegondo ou a Jesús Veiga en Miño, a pesar da controvertida e xudicializada xestión de ambos.

Diego Calvo louvou a “experiencia” de Cecilia Vázquez en postos da Xunta e de Manuel Fafián asegurou que é “exemplo do que debe ser a xenerosidade e o traballo en equipo en política”.