O PP evita no Parlamento auditar as contas de Miño

Manuel Faraldo é o portavoz do PSOE de Miño

O PP tombou no Parlamento galego a petición do PSOE de auditar as contas de Miño, o concello con maior déficit de Galicia. Os populares bloquearon este martes a incorporación no programa de traballo do Consello de Contas da fiscalización da situación económica de Miño a consecuencia do caso Fadesa, que levou ao Concello a solicitar dous créditos tras pechar 2016 cun resultado negativo de 3,2 millóns de euros no seu balance de estabilidade presupuestaria, cinco veces máis déficit que o seguinte concello con peor resultado.

O PSOE ve “incomprensible” o rexeitamento do PP a esta iniciativa, que os socialistas impulsaron para “dirimir responsabilidades e esclarecer todo o proceso, que desde 2001 xerou unha débeda duns 27 millóns de euros”, recordan. O proceso, que se desenvolveu cun Goberno local do PP, contou con informes favorables da Xunta. O portavoz do grupo municipal do PSOE, Manuel V. Faraldo, lamenta que “tamén no Parlamento os populares obstrúan a investigación”. “Que se quere ocultar, a quen se quere protexer?”, pregunta, apunta á responsabilidade de executivos nos que estivo Jesús Veiga e anuncia que reiterarán a petición por outras vías.