O PP de Sada responsabiliza ao goberno local de que Medio Ambiente non obre na praia

Vista aérea da beira mariña de Sada

O PP de Sada asegura que é responsabilidade do goberno local que o Ministerio de Medio Ambiente, como  o resto do goberno español dirixe un afiliado do PP, non faga a obra da praia de Sada. Así que anuncia que presentará unha moción para que o Concello demande ao Ministerio que axilice a contratación da regeneración da praia de Sada.

A Dirección General de la Costa y del Mar, dependente do organismo madrileño, anulou por segunda vez o concurso por unha “infracción non subsanable”. O Ministerio de Medio Ambiente aceptou unha alegación da Sociedade Galega de Historia Natural e anulou a licitación pola existencia dunha pradeira mariña que non recollía a declaración ambiental de 2010. Na súa resolución, apela á necesidade de proceder a unha “análise en profundidade” e deixa no aire a execución nun futuro deste proxecto. Por segunda vez.

Os populares difundiron por redes sociais un comunicado no que cualifican de “escusa” o motivo esgrimido por Costas. A formación evita dirixir os seus dardos contra o Estado e culpa da resolución ao Goberno local. “Perdemos todos con escusas e máis escusas, primeiro o problema eran os mariscadores, despois a xiba e agora a zostera”, afirman. Os populares acusan ao Concello de boicotear unha obra negociada polo exalcalde Ernesto Anido que saíu a licitación en vésperas das eleccións municipais de 2015.

Pósitos, asociacións  de profesionais e ecoloxistas, en contra, En Marea a favor

As asociacións de produtores e bateeiros, as confrarías de pescadores da ría e varias entidades ecoloxistas veñen amosando o seu malestar co proxecto que demanda o PP, porque a extracción da area nos baixos de Lorbé supoñería remover o fondo da ría nunha zona onde crían numerosas especies de alto valor comercial. Os ecoloxistas alertaron que a pradeira referida axuda a que outras especies que lles serven de sustento a estas atopen alimento. Sendo a pesca un sector clave na economía sadense, ao PP estes argumentos só lle chegan á consideración de “escusas”.

En Marea tamén demandaba a obra, con iniciativas no Congreso para non demorar estes traballos. O alcalde, de SadaMaioría- a marca local de En Marea- criticou a decisión de anular a contratación. Antes xa asegurara que a obra era clave para Sada porque traería máis xente ás praias. Segundo Portela asegurou, compensaríase a perda de postos de traballo por acabar coa zona de cría cos que o turismo reporta á vila.