O Pazo de Mariñán acolle unha nova edición da Escola de Verán do Ministerio Fiscal

Vista do Pazo de Mariñán

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o fiscal xeral do Estado en funcións, Julián Sánchez Melgar, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, e o director do Centro de Estudos Xurídicos, Israel Pastor, participaron onte no Pazo de Mariñán no acto inaugural dunha nova edición da Escola de Verán do Ministerio Fiscal.

Durante esta semana, o pazo bergondés reunirá a fiscais, xuíces e maxistrados de todo o Estado para abordar diferentes cuestións relativas á problemática xurídica relacionada coas persoas maiores.

“Un tema que consideramos de grande interese pois a defensa dos colectivos máis vulnerables é unha das principais funcións do Ministerio Público”, afirmou González Formoso no seu discurso inaugural, no que deu a benvida aos asistentes á provincia da Coruña e subliñou a importancia da temática do foro deste ano debido ao envellecemento da poboación, especialmente no ámbito rural, e ao crecente número de maiores que viven sós.

González Formoso lembrou que as previsións indican que España será en poucos anos o segundo país máis envellecido do mundo e que un de cada catro galegos xa ten máis de 65 anos, polo que “é unha temática que nos afecta moito en Galicia”.

A adecuada atención aos maiores desde o ámbito dos servizos sociais e sanitarios, o control dos ingresos asistenciais e residenciais, a protección xurídica ante os casos de malos tratos, así como a atención a outras cuestións específicas que afectan ás persoas de idade avanzada serán algúns dos temas que se abordarán nos relatorios e mesas redondas que terán lugar nas vindeiras catro xornadas.

Dende principios da década do 2000, a Escola de Verán é unha aposta conxunta da Deputación da Coruña, a Consellería de Xustiza da Xunta de Galicia, a Fiscalía Xeral do Estado e o Centro de Estudos Xurídicos. Este esforzo conxunto entre diferentes administracións e o Ministerio Fiscal permite afondar en cuestións de actualidade e crear un diálogo constante entre os fiscais do estado español.