O xulgado investiga a tala do monte do Sanatorio

O sanatorio foi proxectado por González Villar

O xulgado citou a declarar ao alcalde de Oza-Cesuras, o popular Pablo González Cacheiro, pola tala do monte do Paraxón, en torno ao sanatorio modernista de Cesuras. A tala, acontecida en 2013, realizouna unha empresa vinculada á familia dun dos edís do PP no recén fusionado municipio de Oza-Cesuras e o baile nos prezos provocou a queixa de PSOE e BNG, forzando ao rexedor a encargar unha auditoría polo suposto sobrecusto do servizo.

A denuncia do PSOE levou o asunto ao xulgado, que cuestiona o baile de prezos da madeira entre o proxecto inicial (24 euros por metro cúbico) e o definitivo (36). Isto levou a Cacheiro a desvincularse desta actuación do municipio que preside desde a fusión, atribuíndo o contrato ao exalcalde de Cesuras, Julián Lucas (do mesmo PP).

Oza debatirá unha iniciativa do BNG para levar á Fiscalía os sobreprezos na tala do sanatorio de Cesuras

PSOE e BNG, cuestionaron desde o principio as súas explicacións e incidiron en que as obras da tala e rexeneración aprobáronse e executáronse xa constituída a xunta xestora, que desde o primeiro momento presidiu o propio Cacheiro. A investigación xudicial devolve protagonismo a un asunto turbio que provocou o nacemento convulso do municipio a causa do sobrecusto denunciado pola oposición, a veciñanza e mesmo por profesionais do sector da madeira, coñecedores de primeira man dos prezos que se moven no negocio.

As tres peritaxes, elaborados xa en 2015 por enxeñeiros externos, concluíron que o prezo (36,4 euros por metro cúbico) fora inflado sen xustificación (os peritos estimaron que o custo non podía superar os 30 euros, 26,9 e 23,94 respectivamente). Un informe realizado pola empresa que realizou os traballos xustificaba a cuantía, que consideraba, ata reducida, ao cifrar en 45 euros por metro cúbico o custo medio.

Adxudicado á empresa dun edil do PP

O baile de prezos non foi o único motivo que alentou as sospeitas da oposición. PSOE e BNG denunciaron tamén a adxudicación da tala e venda da madeira á empresa familiar dun edil do PP. O goberno do PP recalcou que a compañía foi a única que se presentou á poxa e que ofreceu un importante incremento sobre o prezo de saída. Será finalmente o xulgado o que aclare se houbo ou non irregularidades en todo o proceso.