O PSOE critica a baixa execución do orzamento de Oza-Cesuras en 2017

Pilar Pedreira é a voceira do PSOE en Oza-Cesuras

O grupo municipal do PSOE de Oza-Cesuras denuncia que o goberno local deixou sen executar o 26% do orzamento de 2017. Os socialistas afirman que, segundo a liquidación das contas, máis de 1,8 millóns de euros quedaron sen investir durante o pasado ano.

Para o primeiro grupo da oposición, a escasa execución dos fondos por parte do goberno do PP contrasta coas “numerosas demandas dos veciños pendentes de execución”. “Levamos desde 2015 pedindo que se arranxe o camiño que conduce ás naves municipais de Cesuras ou que se repoña a seguridade na Ponte da Lata, que quedou sen protección tras un accidente”, lembra a portavoz socialista, Pilar Pedreira.

Desde o PSOE critican que sigan sen atenderse estas necesidades e outras que trasladaron os veciños. Aseguran, ademais, que seguen sen executarse obras do Plan de Acción Social de 2015 e 2016. “Demostra unha pésima xestión do alcalde”, critican os socialistas. O PSOE avanza que aproveitará tamén o pleno de mañá para debater a liquidación do orzamento para denunciar a concesión de axudas nominativas “seguindo únicamente os criterios de amiguismo”.