Oza-Cesuras anuncia e retira o aviso de que a traída de Cesuras non é apta para o consumo

Area fluvial de reboredo en Oza dos Ríos

Desde que Oza dos Ríos e Cesuras se fusionaron, xa hai un lustro, o novo municipio resultante mantivo recorrentes problemas coa traída de Cesuras. Neste municipio o servizo préstao directamente o Concello, mentres que en Oza está privatizado e xestionado por Espina y Delfín. E cada certo tempo o goberno municipal do PP advirte da mala calidade do subministro en Cesuras, con cortes ocasionais, segundo o BNG preparando o camiño para a privatización do servizo.

Nun destes episodios, o pasado venres 17 o alcalde asinou un bando no que informaba de que a auga da traída non era “apta para o consumo” pola elevada “concentración de bacterias como consecuencia do longo período de seca”. O bando aínda pode verse por algúns establecementos de Cesuras mais o goberno local evitou publicalo no web municipal asegurando que realizara outras analíticas que concluían que a auga si era apta para o consumo, aínda que “no límite”. Á vista das versións contraditorias dos datos remitidos polo equipo de goberno do PP, Sanidade decidiu realizar as súas propias mostraxes e analíticas para tomar unha decisión.

O pasado verán o alcalde pediu a Augas que prohibise o baño na área recreativa de Reboredo para evitar ter que afrontar o custo dos traballos de saneamento en lugares que lindan e verten ao río. A Xunta negouse a seguir as indicacións do rexedor do PP e recorda que a normativa actual obriga aos concellos a investir no saneamento, un servizo obrigatorio para todos os concellos como tamén ten apuntado o BNG.