Os exconcelleiros de Anova de Bergondo acusan a Antón Sánchez de tentar “impoñer a súa lei”

Antón Sánchez e Juan Fariña tras abandonar o BNG en Bergondo

Os concelleiros que acaban de deixar Anova en Bergondo, Juan Fariña e Eloy Babío, endureceron onte as súas críticas cara á súa antiga formación concretamente cara ao seu portavoz nacional Antón Sánchez. Os agora non adscritos denuncian que se produciu unha “grave inxerencia” do portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, anterior concelleiro en Bergondo e un dos fundadores da agrupación local, ao que acusan de tentar “impoñer a súa lei” tras “máis de tres anos sen que se lle vise o pelo pola asemblea”.

“A asemblea está intervida e cativa dos prexuízos e o dogmatismo máis irracionais”, afirman nun comunicado os dous exediles, que se ratifican na súa decisión de desmarcarse de Anova e apoiar o desenvolvemento urbanístico de San Cidre. “É un proxecto que entendemos moi positivo para o desenvolvemento de Bergondo”, sosteñen os concelleiros, que considera que, “día de hoxe, Anova non pode achegar máis nada que o non a diario”.

O BNG foi o único grupo que no seu momento se mostrou contrario a esta urbanización

“Non entendemos a necesidade nin a urxencia que xustifique unha modificación da Normas subsidiarias mentres se está tramitando o novo PXOM. Non hai unha previsión de incremento de poboación en Bergondo que xustifique a necesidade desta modificación para construír unha urbanización e unha área comercial. Pensamos que deberá ser aprobado, ou non, có PXOM que ordenará todo o solo do concello”, afirmaba o portavoz nacionalista David Carro o pasado mes de xullo mentres o resto de grupos políticos permanecían calados.