O BNG censura que a Xunta dea visto bo ao xeriátrico privado de Oza e carpetazo á rehabilitación do Sanatorio

Unha vista de arquivo do sanatorio, ubicado no lugar do Paraxón

O BNG de Oza e Cesuras insiste na necesidade de recuperar o edificio do Sanatorio e o seu uso como xeriátrico público. “Vimos de saber que finalmente a Xunta da o visto bo para a construción dun xeriátrico privado despois de que o concello recualificase case 25 000 metros cadrados para a empresa Lucus Residencial SL” informou a concelleira nacionalista, Estefanía Busto, “todo isto sen someter o plan especial ao procedemento de avaliación ambiental” engadiu.

“Lamentamos que deste xeito se renuncie a unha das grandes promesas da fusión, que era a rehabilitación do antigo sanatorio do Paraxón e o seu uso como xeriátrico público” explicou Busto, “en toda a comarca non existe nin unha soa praza de xeriátrico público, e unha vez máis vemos como nos orzamentos da Xunta non hai un só euro para este fin. Pensamos que é un servizo imprescindíbel tendo en conta as características demográficas do concello e da comarca. Nin a Xunta nin o concello mostran o máis mínimo interese en recuperar o sanatorio aínda que era un dos puntos do proxecto da fusión de concellos”, insistiu a voceira nacionalista.

“A construción dunha residencia privada só beneficia á empresa que executa o proxecto, non presta un servizo público, xa que o convenio non reserva praza ningunha para uso público”, sinalou Busto, “por outra banda, temos que lembrar que a mesma empresa ten no concello de Coirós unha urbanización sen executar, cos veciños propietarios das parcelas nunha xunta de compensación desde hai anos” concluíu.

A rehabilitación do sanatorio do Paraxón e a súa conversión en xeriátrico era un dos incentivos para a fusión de Oza e Cesuras que figuraban no plan de viabilidade redactado polo goberno provincial do PP. Segundo el, a poboación do novo concello medraría a costa de censar no municipio aos internos deste novo establecemento que recuperaría o inmoble proxectado por González Villar. Coa apertura do novo centro privado, decae definitivamente.