Nace a asociación de Concellos do Camiño Inglés

Imaxe do evento Primavera no Camiño que se celebrou en Betanzos

Os concellos do Camiño Inglés a Santiago, que atravesa a nosa comarca, xa teñen os seus estatutos como asociación e remitirán propostas de mellora á Dirección Xeral de Patrimonio e programarán actividades para promocionarse tanto fora como dentro de Galicia, como avanzaron onte alcaldes e concelleiros dos concellos asociados nunha reunión coa Deputación, na que se asinaron os estatutos onte en Carral. Compoñen a asociación os concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago. Inicialmente non se sumaron A Coruña, Culleredo e Cambre.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, primeiro presidente da asociación, referiuse ao Camiño Inglés como un «diamante en bruto» que o colectivo vai a promover. «Lamentamos que non houbera representación por parte dun concello como Santiago e seguiremos traballando para que entren tamén a formar parte da asociación os concellos da Coruña, Culleredo e Cambre», dixo Manuel Mirás, e anunciou a intención de invitar á Deputación da Coruña e outras entidades. A vicepresidencia da Asociación do Camiño Inglés correspóndelle ao Concello de Ordes, a secretaría será exercida nesta primeira directiva polo Concello de Betanzos e a tesorería polo de Carral, mentres que as tres vocalías son para os de Mesía, Pontedeume e Narón.

Unha das prioridades dos concellos integrantes da asociación será incorporar “nos próximos meses” aos concellos da Coruña, Ferrol, Culleredo e Cambre á entidade, xa que son “parte fundamental do trazado”. Tamén darán prioridade a facer chegar á dirección xeral de Patrimonio diversas propostas de mellora achega do trazado actual do Camiño e os seus infraestructuras, explica a Deputación.

No encontro, que presidiu o deputado provincial Antonio Leira, abordouse tamén o proxecto de realizar actividades de promoción do Camiño Inglés máis aló de Galicia. Por exemplo, no condado de Durham, no Reino Unido, “onde históricamente comezou o percorrido e onde a Deputación xa iniciou contactos” para promocionar a ruta, “que terán continuidade por parte da asociación”, asegura o ente provincial. “Esta alternativa é unha gran descoñecida en Inglaterra, pero conta cun potencial moi bo, xa que a poboación inglesa ten un gran afección e interese polas rutas xacobeas”.

O próximo mes de outubro, avanza a Deputación, unha delegación da asociación visitará Inglaterra para promocionar o Camiño Inglés e “abrir novas canles de colaboración e novas perspectivas de futuro”. O ente provincial prepara, ademais, un ciclo de actividades para promocionar a ruta na provincia, tamén durante o mes de outubro.

Os concellos integrantes da asociación fixeron tamén balance do impacto das múltiples actividades do ciclo Primavera no Camiño Inglés, que impulsou a Deputación, e manifestaron a súa intención de continuar traballando de cara á terceira edición “dun evento que xa é un referente turístico para a provincia e que se celebrará de novo en 2019”, sinala a institución provincial.

A Deputación recorda que a idea da constitución da asociación de concellos do Camiño Inglés xurdiu a partir da celebración das dúas edicións da feira Primavera non Camiño Inglés, organizadas pola Deputación, “que conseguiron reunir por primeira vez en Betanzos aos dezaoito concellos polos que discorre este itinerario xacobeo, que conecta os portos da Coruña e Ferrol con Santiago”, sinala. “O evento serviu para impulsar a idea dunha unión de todos os concellos”, asegura.